A Consellería lamenta o encerro sindical e lembra que en 30 anos os colaboradores Celga nunca reclamaran nada

Os 95 cursos de galego principiaron en toda Galicia con normalidade

Ven, 04/04/2014 - 16:24
A Consellería lamenta o encerro sindical e lembra que en 30 anos os colaboradore
A Consellería lamenta o encerro sindical e lembra que en 30 anos os colaboradores Celga nunca reclamaran nada

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, lamenta que liberados sindicais da CIG e un colectivo de unhas vinte persoas que impartiron cursos CELGA no pasado, irromperan na sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística alterando o uso dun espazo público e impedindo o normal desenvolvemento do traballo dos empregados do devandito departamento.

Como é sabido, as protestas dos ex colaboradores CELGA veñen dadas como consecuencia da situación orixinada polas reclamacións ante a Seguridade Social interpostas por algúns destes profesores. Ao estar o proceso de contratación de profesorado externo recorrido pola Xunta, a Consellería de Cultura Educación e OU planificou os cursos de xeito que o persoal propio  da Consellería especializado en lingua galega é quen está asumindo ese labor. De feito, os 95 cursos xa comezaron con normalidade en toda Galicia. Como novidade estanse a dar máis cursos dende as Escolas Oficiais de Idiomas, unha tendencia que se manterá e mesmo aumentará o ano vindeiro.

Chama a atención que o persoal contratado para os cursos CELGA levara facendo este labor dende hai tres décadas sen que houbera reclamacións nin queixas, nomeadamente nin despois de que o goberno bipartito aprobase en 2007 a mesma norma que se aplica a día de hoxe. Ademais, dende a Xunta de Galicia non se entende que a CIG sempre se caracterizase por demandar a provisión pública dos servizos e que, neste caso, cometa a contradición de reclamar a laboralización dun colectivo que non acreditou a súa competencia como o fixeron o resto dos empregados públicos. Pola contra, o profesorado propio da Consellería acreditou a súa competencia técnica e docente ao superar un proceso selectivo esixente, como é o do acceso á función pública, e está avalado por anos de experiencia no ensino da lingua galega a persoas adultas.

A Xunta de Galicia asegura así unha oferta formativa anual en lingua galega de calidade e coas garantías xurídicas axeitadas destinada a persoas adultas, no marco das súas atribucións e competencias canto á promoción do uso do idioma propio de Galicia entre a cidadanía.