O conselleiro de Cultura e Educación asiste ás II Xornadas de Contratos-programa, nas que participan 600 docentes

O departamento educativo da Xunta de Galicia organiza este encontro co fin de difundir as boas prácticas dos centros educativos no desenvolvemento deste programa

Ven, 04/04/2014 - 11:50
 O conselleiro de Cultura e Educación asiste ás II Xornadas de Contratos-program
O conselleiro de Cultura e Educación asiste ás II Xornadas de Contratos-programa, nas que participan 600 docentes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta mañá á conferencia de apertura das II Xornadas de Contratos-Programa, ‘A relación familia-escola como elemento de mellora de convivencia e rendemento escolar’, impartida polo presidente da plataforma Mejora tu escuela pública, Juan José Nieto. O encontro, que se celebra hoxe no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, reúne a 600 docentes participantes nos contratos-programa, co fin de difundir as boas prácticas dos centros educativos no desenvolvemento deste programa.

Desta forma búscase contribuír á mellora do desenvolvemento dos contratos-programa, aproveitando os recursos e as estratexias metodolóxicas máis axeitadas para cada unha das súas 6 liñas de actuación. Con este obxectivo, os relatores da mesa e das distintas comunicacións que se realizarán de maneira simultánea en tres quendas durante a xornada son docentes que participan nalgunha das actuacións levadas a cabo nos centros con resultados moi positivos e que aconsellan a súa difusión.

Programa de actividades

Tras a conferencia inaugural desenvolveuse a mesa redonda 'A relación coas familias a través das actuacións dos contratos–programa', que contou con representación do IES A Basella (Vilanova de Arousa), CPI a Picota (Mazaricos) e CPI de Panxón (Nigrán).

Na primeira quenda de boas prácticas desenvolveranse relatorios arredor da liña de Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia, da de Reforzo, orientación e apoio; da de Mellora da lectura, da escritura e do cálculo; e da de Mellora da calidade na xestión dos centros. Os relatorios correrán a cargo do IES Laxeiro (Lalín), do IES Chamoso Lamas (O Carballiño), do CPI Santa Lucia (Moraña) e do CEIP nosa Señora dos Remedios (Ponteareas).

A segunda quenda dedicarase ás liñas de Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia, de  Mellora da lectura, da escritura e do cálculo; e de Reforzo, orientación e apoio (modalidade de Acompañamento escolar fóra do horario lectivo). Neste caso os encargados dos relatorios serán docentes do IES de Melide, do IES Colmeiro (Silleda) e do CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro (Barbadás).

A xornada pecharase cunha terceira quenda arredor das liñas de Mellora da convivencia, Mellora da lectura, da escritura e do cálculo; e de Reforzo, orientación e apoio (modalidade de Acompañamento escolar fóra do horario lectivo. Neste caso serán responsables de presentar as súas boas prácticas docentes do CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol), do IES Díaz Castro (Guitiriz), e do CEIP Fogar (Carballo).

Os contratos-programa

No curso 2013/2014 participan nos contratos-programa  un total de 334 centros educativos de toda Galicia, que desenvolven un total de 541 actuacións. Delas, 294 serán para o reforzo, orientación e apoio, 123 de mellora da lectura, escritura e cálculo, 50 para a mellora da convivencia, 11 dirixidas á redución do abandono escolar, 50 para favorecer a excelencia educativa e 13 para mellorar a calidade na xestión dos centros, a nova liña da convocatoria. No conxunto da comunidade autónoma beneficiaranse da iniciativa preto de 44.000 alumnas e alumnos, e implicáronse 4.200 docentes.