A Consellería de Cultura e Educación convoca as axudas para que o alumnado que se vexa afectado por causas imprevistas poidan continuar os seus estudos universitarios

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a convocatoria destas bolsas, que teñen por obxectivo blindar o acceso en igualdade de condicións aos estudos superiores

Xov, 03/04/2014 - 13:55
A Consellería de Cultura e Educación convoca as axudas para que o alumnado que s
A Consellería de Cultura e Educación convoca as axudas para que o alumnado que se vexa afectado por causas imprevistas poidan continuar os seus estudos universitarios

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de Axudas destinadas  ao alumnado que curse estudos universitarios, no curso académico 2013-2014, no Sistema Universitario de Galicia, que por causa sobrevida ou imprevista teña dificultades económicas para continuar estudos, ás que este ano se destinan  91.000 euros.

O obxectivo é cubrir a necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada de causas tales como orfandade absoluta, falecemento pai/nai/titor legal, desemprego do sustentador principal, enfermidade grave, violencia doméstica, vítimas de actos terroristas, separación, divorcio, ruína ou quebra familiar e outras circunstancias non recollidas que sendo xustificadas repercutan na situación socioeconómica familiar. O pasado curso beneficiáronse desta axuda 31 estudantes universitarios.

A data límite para a presentación de solicitudes será o 1 de setembro de 2014. O prazo será diferente segundo o momento (con anterioridade/ posterioridade á orde de convocatoria) en que acontece a causa sobrevida ou imprevista. Así, de acontecer o suceso con anterioridade ao 2 de abril de 2014, o prazo de presentación de solicitudes  rematará o día 2 de maio de 2014. No caso de ocorrer despois da publicación da convocatoria, será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida, ata a devandita data límite.

A dotación económica asignada a cada beneficiario oscilará entre unha contía mínima de 1.250 euros e unha máxima de 2.500 euros, en función dos limiares de renda per cápita indicados na convocatoria, que pode consultarse no seguinte enlace: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140402/AnuncioG0164-260314-0004_gl.html

Para acceder a estas axudas a situación sobrevida ou imprevista tivo que acontecer durante o actual curso académico 2013/2014; e os solicitantes - que non poden ter percibido esta bolsa con anterioridade- deben estar matriculados neste ano académico, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico, ou arquitecto técnico, en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia. Ademais, a renda per cápita da unidade familiar non poderá ser superior ao importe anual da pensión non contributiva para o ano 2014 é dicir 5.122,60 euros, tal e como se indica na convocatoria.