Máis do 95% do alumnado de cuarto de infantil de Galicia obtivo praza no centro educativo escollido como primeira opción para o vindeiro curso
Este ano recibíronse en toda Galicia un total de 779 solicitudes menos para ese curso
A Consellería de Cultura e Educación ofertou un total de 29.081 prazas para nenos de 3 anos, 9.248 por riba das solicitudes recibidas
A caída da natalidade dos últimos anos en Galicia está a redundar nunha menor entrada de rapaces no sistema educativo cada ano
Máis do 95% do alumnado que solicitou praza en 4º de educación infantil – 3 anos- nos centros educativos galegos sostidos con fondos públicos nas 4 provincias galegas para o vindeiro ano académico 2014/2015 obtívoa no colexio escollido como primeira opción. Este ano recibíronse en toda Galicia un total de 779 solicitudes menos para ese curso. A ampla oferta de prazas deste curso de infantil que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon a disposición das familias galegas, un total de 29.081, supera en 9.248 as 19.833 solicitudes recibidas. Dentro do mencionado colectivo de alumnos de 3 anos, tan só un 4,6 % non acadou unha praza no centro de primeira escolla. Para esta pequena porcentaxe, as prazas serán asignadas pola comisión de escolarización de cada zona, atendendo aos seguintes centros da súa preferencia.
Sete cidades
Ademais, o 94,4 % do alumnado que solicitou praza en 4º de educación infantil – 3 anos- nos centros educativos galegos sostidos con fondos públicos das 7 principais cidades galegas para o vindeiro ano académico 2014/2015 obtívoa no colexio escollido como primeira opción, por riba do 93,62% que a obtivera para o curso 2013/2014. A ampla oferta de prazas deste curso de infantil que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon a disposición das familias destas cidades, un total de 10.048, supera en 1.643 as 8.405 solicitudes recibidas - 223 menos nestas cidades que as recibidas para o 13/14-. Dentro do mencionado colectivo de alumnos de 3 anos, tan só un 5,6 % non acadou unha praza no centro de primeira escolla. Para esta pequena porcentaxe, as prazas serán asignadas pola comisión de escolarización de cada zona, atendendo aos seguintes centros da súa preferencia.
Por concellos, os datos son os seguintes:
Cómpre sinalar que a caída da natalidade nos últimos anos en Galicia está a redundar nunha menor entrada de rapaces no sistema educativo cada ano. Non en balde, desde 2008 – ano ata o que os nacementos se foron incrementando- o número de nados foi diminuíndo: desde os 23.175 dese 2008 ata os 21.594 do 2011 – que son os nenos que este ano empezan o colexio en 4º de infantil-