O conselleiro de Cultura e Educación asiste á inauguración da nova aula magna do CIFP de Someso, na Coruña
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe no acto de inauguración da nova aula magna do CIFP Someso, no que tamén estiveron presentes o director do centro, Félix Rodil; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; así como o xefe territorial de Educación na Coruña, Indalecio Cabana.
O espazo, no que ata fai pouco estaba situado o ximnasio do centro, foi remodelado por completo, así a nova sala poderá ser empregada para diversas actividades, como conferencias e entregas de premios, así como encontros do alumnado e comunidade docente.
O centro
Cómpre recordar que o CIFP Someso é un centro de referencia en Galicia pola súa ampla e variada oferta de FP, así como polos programas que desenvolve. Así, o centro imparte 28 ciclos formativos, 16 deles no réxime ordinario, 10 no réxime para adultos na modalidade presencial e outros 2 na modalidade a distancia. Nel estudan máis de 1.200 alumnas e alumnos matriculados nos ciclos das familias profesionais: Edificación e obra civil; Fabricación mecánica; Imaxe persoal; Madeira e moble; e Transporte e mantemento de vehículos.
Así mesmo, o CIFP participou no último proceso convocado pola Consellería para a Acreditación de Competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, e é centro examinador nas probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior de FP. Neste mesmo eido, o de Someso é un dos centros integrados onde se poden realizar as probas encamiñadas á obtención dos carnés e habilitacións profesionais que acreditan ter os coñecementos teórico-prácticos necesarios para o exercicio de profesións como a de instalador de gas, operador industrial de caldeiras, ou de guindastre móbil, entre outras.
No que atinxe aos programas europeos, participa no Erasmus e no Leonardo Da Vinci IVT Europa. Ademais, o CIFP ten participado nas Galicia Skills, olimpíadas galegas da Formación Profesional.