A Xunta de Galicia colaborará con ‘Protégeles’ para a protección dos menores no emprego das novas tecnoloxías da información e a comunicación
A Consellería de Cultura e Educación e a Amtega asinaron hoxe un protocolo con esta entidade, que realizará diferentes actividades para o uso seguro e responsable da internet e accións formativas para os docentes
A Xunta de Galicia e o Centro de Seguridade en Internet ‘Protégeles’ veñen de subscribir a súa colaboración para a protección dos menores no emprego das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), unha das liñas prioritarias de actuación do departamento autonómico para dar resposta aos retos que estas ferramentas supoñen tanto no eido educativo como na vida cotiá, e na que xa se están a desenvolver actuacións a través da formación do profesorado e de programas como ‘Navega con rumbo’. De feito, esta iniciativa para concienciar sobre os bos hábitos de uso na rede a profesores, pais, nais e alumnos chegou xa a máis de 650 centros e preto de 40.000 persoas.
Para ampliar as accións neste ámbito, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; e Guillermo Cánovas Gaillemín, en representación de ‘Protégeles’; asinaron hoxe un protocolo para colaborar no desenvolvemento e promoción en Galicia das diferentes actividades que a entidade organice no seu papel de Centro de Seguridade do menor en Internet, tanto dirixidas ao alumnado e familias como ao profesorado.
Así mesmo a Consellería e a Amtega participará nos actos do ‘Safer internet Day’; e integrarán as reunións do ‘Comité de expertos’ de protección do menor no uso das TIC, conformado por representantes de distintos Ministerios, Forzas e Corpos de Seguridade, Confederacións de asociacións de pais e nais de alumnos, sindicatos de profesores, Organizacións de Protección da Infancia e os representantes da industria da Internet, a telefonía móbil e o lecer dixital.
Protégeles
'Protégeles' é unha organización sen ánimo de lucro cuxo obxectivo principal é a protección do menor e da infancia, especialmente no que atinxe á prevención de risco derivados do uso das TIC; así como na denuncia de condutas ilegais a través da Internet. A entidade xestiona en España o Centro de Seguridade de Internet, auspiciado pola Unión Europea no marco do ‘Safer Internet Programme’. Ademais é a organización española membro do INHOPE (organización internacional de Líneas de Denuncia) e do INSAFE da Comisión Europea, e foi galardoad en 2013 co Premio UNICEF Transforma á Protección da Infancia.
A entidade estrutura as súas actuacións arredor de tres liñas: axuda, denuncia e campañas. No marco da última delas está a realizar, entre outras, diferentes actividades para mostrar aos menores as posibilidades que ofrece Internet, así como as normas ou recomendacións necesarias para que o seu uso sexa seguro. Ao tempo, proporciónase información ás asociacións de nais e pais do alumnado, así como aos profesores de primaria e ESO. Entre 2004 e 2013 'Protégeles' impartiu máis de 2.500 conferencias e talleres sobre uso seguro e responsable de internet, en máis de 1.500 colexios de toda a xeografía española; e os psicólogos e psicólogas da organización traballaron directamente con máis de 150.000 estudantes.
Así mesmo, a entidade realiza obradoiros de formación para equipos directivos, orientadores e profesores de centros escolares, co fin de proporcionarlles coñecementos e recursos básicos para poder dar resposta ás situacións que se poidan producir polo uso das TIC por parte do alumnado.