A Xunta e o Consello da Cultura organizarán un encontro internacional que terá a lingua galega como protagonista

A iniciativa enmarcarase no quinto convenio de colaboración en materia de normalización lingüística que asinaron hoxe o conselleiro de Cultura e Educación e mais o presidente do Consello da Cultura para reforzar a estreita colaboración iniciada no ano 2010 entre as dúas entidades

Mar, 25/03/2014 - 12:07
Xesús Vázquez Abad e o presidente do Consello da Cultura Galega asinaron un conv
Xesús Vázquez Abad e o presidente do Consello da Cultura Galega asinaron un convenio de colaboración

A Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e mais o Consello da Cultura Galega (CCG) organizarán este ano o foro Galician Language, que congregará en Santiago de Compostela expertos galegos e internacionais nun encontro centrado na lingua galega. Farano no marco do quinto convenio de colaboración en materia de normalización do galego que asinaron hoxe as dúas entidades para reforzar a estreita colaboración que manteñen desde o ano 2010.

Vázquez Abad gabou “a colaboración do CCG nas liñas de traballo postas en marcha desde a Xunta de Galicia no referente á dinamización e á normalización da lingua galega. Un esforzo conxunto que este ano posibilitará que Galicia acolla en setembro un encontro internacional de especialistas profesionais e investigadores da lingua galega, como espazo de actualización sociolingüística e de reflexión acerca das perspectivas de futuro do noso idioma propio”.

O conselleiro anunciou tamén que “ao abeiro do novo convenio de colaboración anual se habilitará no espazo web 50 anos de normalización lingüística o proxecto audiovisual homónimo, que porá a disposición na rede testemuños de diferentes intelectuais e persoas que contribuíron a engrandecer a nosa lingua e a favorecer o seu uso en todos os ámbitos da vida social, académica, política e institucional desde os anos 60”.

No acto de sinatura pública participou en nome do CCG o seu presidente, Ramón Villares Paz. Tamén estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

Colaboración institucional a prol do idioma

Ao abeiro do novo convenio de colaboración, o CCG organizará en setembro deste ano, na capital de Galicia e coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Encontro Galician Language: unha xuntanza de carácter investigador que congregará numerosos especialistas galegos e internacionais co obxectivo de actualizar o panorama da situación sociolingüística do galego nos aspectos máis relevantes, de actualizar novas perspectivas, de subliñar puntos de debate máis actuais e de sinalar tendencias de futuro.

Será un foro lingüístico que permitirá ademais establecer as bases metodolóxicas e conceptuais dun volume monográfico sobre a lingua galega que se publicará nunha revista de difusión internacional, coa finalidade de o converter nunha obra de referencia rigorosa e actualizada para os ámbitos académicos.

Outra liña de traballo recollida no convenio de colaboración será o espazo web 50 anos de normalización lingüística, destinado a acoller o documental homónimo elaborado polo CCG no ano 2013 e no que tamén colaborou a Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa finalidade de achegar e dar a coñecer os testemuños dos principais protagonistas dos avances levados a cabo no proceso de normalización do galego en diferentes ámbitos.

Colaboración entre as entidades

O Goberno galego e o CCG iniciaron en 2010 a colaboración en materia de normalización lingüística, cando por primeira as dúas entidades asinaron un protocolo de colaboración para favorecer o desenvolvemento de actuacións conxuntas de dinamización da lingua galega.

Ao abeiro destes acordos téñense impulsado ferramentas e recursos técnicos para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) -da que o CCG forma parte desde o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia-, como a  Biblioteca para a normalización lingüística, o buscador de novas de actualidade relacionadas coa sociolingüística Lingua en titulares, a plataforma d-Lingua -a primeira de recursos compartidos para a dinamización da lingua galega- ou o  boletín Novas da RDL, destinado a darlles cobertura e difusión aos materiais e recursos técnicos creados pola RDL e polas súas entidades.

Tamén teñen saído do prelo outros proxectos, como o recentemente presentado volume “Galicia en Cuba. Lingua. Rosalía. Loitas”, no que o escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas recupera tres obras destacadas que evocan a emigración galega a Cuba e inciden na importancia da presenza de Galicia en Cuba no tocante á pervivencia e á difusión do galego: “A lingua galega en Cuba”, “Rosalía de Castro e Cuba” e “Galegos que loitaron pola independencia de Cuba”.

A colaboración entre a Xunta de Galicia e o CCG dáse tamén, á marxe dos convenios de colaboración anual, en iniciativas puntuais que redundan na difusión, na conmemoración e no achegamento a autores, obras ou fitos de especial relevancia no eido da cultura e das letras galegas. Tal foi, en 2013, o caso da organización conxunta de actividades conmemorativas do 150º aniversario da publicación de “Cantares gallegos”.