Cultura e Educación e a Fundación Rosalía de Castro ratifican a súa colaboración coa promoción da lingua galega
Xesús Vázquez Abad asinou un novo convenio de colaboración coa entidade que inclúe un orzamento de 26.000 euros destinados á difusión, estudo e conservación da obra de Rosalía de Castro
A Consellería colaborará tamén na restauración do cadro de Ovidio Murguía adquirido recentemente pola Fundación, da que se fará cargo o Museo de Belas Artes da Coruña
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, ratificou un ano máis o apoio da Xunta de Galicia ao labor desenvolvido pola Fundación Rosalía de Castro por medio da sinatura dun novo convenio de colaboración co presidente de dita entidade, Anxo Angueira Viturro, para a difusión, estudo e conservación da obra da poetisa galega do Rexurdimento.
No acto de sinatura tamén estiveron presentes os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, como representantes dos departamentos colaboradores coas liñas de traballo que ten en marcha a Fundación. Tal é o caso da restauración do cadro que vén de adquirir recentemente a institución rosaliana da autoría de Ovidio Murguía (fillo de Rosalía de Castro) e que será restaurado no Museo de Belas Artes da Coruña, dependente da Consellería.
Promover e difundir a figura da escritora e a súa obra
As bases do convenio establecen unha achega de 25.000 euros por parte da Xunta de Galicia á Fundación, destinados á actualización do pensamento e memoria da escritora, así como ao estudo e á divulgación da súa obra. Para isto, a entidade comprométese a apoiar a ampliación dos fondos bibliográficos da biblioteca do Centro de Estudos Rosalianos (CER) e o mantemento das actividades que neste centro se realizan, tanto de recompilación de obra da escritora e investigación dela, como de envío gratuíto de libros aos centros culturais, colexios etc., entroutras. Cómpre salientar que, por acordo de ambas as partes, os fondos do CER poderán ser accesibles para os estudosos e investigadores de forma gratuíta.
Esta colaboración contempla, ademais, a celebración dun recital poético na Aula da Diversidade que acolle a Casa-Museo da Matanza, a celebración do Maio Rosaliano –que inclúe iniciativas como a entrega dos premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra– e mais os actos de conmemoración do aniversario do pasamento de Rosalía.
Colaboración desde o ano 2000
Tanto a renovación do convenio como a colaboración a través da restauración da obra pictórica lle dan continuidade ao marco de colaboración estable que mantén a Administración autonómica coa Fundación Rosalía de Castro desde o ano 2000, no que se asinou o primeiro acordo, e que inclúe tamén a publicación do Anuario de Estudos Rosalianos, ademais de as xa citadas labores para a promoción da obra da poetisa galega máis ilustre.