A Organización de Estados Iberoamericanos recoñece o traballo de Cultura e Educación en materia de bibliotecas escolares celebrando en Galicia a entrega dos premios ‘¿Qué estás leyendo?’

Dous alumnos e irmáns, María e Pablo García Freire, do colexio Martín Códax de Vigo foron os gañadores da edición española do concurso, no que tamén resultaron finalistas outros 4 centros galegos

Mér, 19/03/2014 - 12:20
‘Libros Lectureka’ (http://libroslectureka.blogspot.com.es
‘Libros Lectureka’ (http://libroslectureka.blogspot.com.es

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou hoxe na entrega dos premios correspondentes ao certame ‘¿Qué estás leyendo?’, cuxa celebración en Galicia supón o recoñecemento da Organización de Estados Iberoamericanos ao traballo que o departamento educativo da Xunta está a realizar en materia de bibliotecas escolares, e que se traduce tamén en recoñecementos a nivel nacional para o alumnado. De feito, dous alumnos e irmáns, María e Pablo García Freire, do colexio Martín Códax de Vigo foron os gañadores da edición española do concurso, no que tamén resultaron finalistas outros 4 centros galegos.

Durante o acto, celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, o director xeral subliñou a importancia que desde a Consellería de Cultura e Educación se lle dá á lectura. ”Refírome ao papel central das bibliotecas como espazos nos que acceder, calquera que sexa a situación económica e social das familias, a todos os recursos culturais dispoñibles. Unhas institucións onde ademais se ofrece apoio, formación, axuda e participación en actividades creativas nun espazo dinámico para aprender e convivir cos outros”.

¿Qué estás leyendo?’ é o concurso convocado pola Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) para premiar a rapazas e rapaces de secundaria que reflicten a súa experiencia lectora nun blog, sexa de forma individual ou en grupo, co apoio do profesorado do seu centro.

Neste sentido o director xeral agradeceu tamén o labor dos docentes e das familias no fomento do hábito lector. “Cando existen mediadores na casa ou nos centros educativos que acompañan á xente nova na lectura (nas aulas, na biblioteca, nos clubs...), estas persoas incorporan a lectura ás súas vidas cotiás”, dixo.

Galardóns

Na segunda edición do certame resultaron gañadores Pablo e María García Freire, do colexio Martín Códax (Vigo), polo traballo realizado en ‘Libros Lectureka’ (http://libroslectureka.blogspot.com.es ). Así mesmo, alumnas doutros 4 centros galegos resultaron finalistas do concurso, en concreto Alessandra Pereira Hermida, do colexio Mariano (Vigo), por ‘El sueño de Aly’ (http://phalyph.blogspot.com.es ); Alicia Pérez Lago, do colexio Martín Códax (Vigo), por ‘Negro sobre blanco’ (http://leerymuchomass.blogspot.com.es ); Ana Juncal Otero, do CEIP Sobreira Valadares (Vigo), por ‘El rincón de Ana’ (http://lecturaunapasion.blogspot.com.es ); e Inés Rodríguez Chas, do IES María Casares (Oleiros, A Coruña), por ‘Mis lecturas’ (http://queestoyleyendo-ines.blogspot.com.es ).

Así mesmo, foron finalistas do certame ‘La octava nota’, de Marina Sánchez e Raquel Tirado (Aranda de Duero e Castellón); ‘Sueños de una escritora’, de Ana Penalver (Orihuela, Alicante); ‘Dentro del mundo de la lectura’, de Lídia Martínez e Mikel Berga (Terrassa, Cataluña); ‘Los días de Juan y Miguel’, de Juan e Miguel Bruno Paniagua (Guadalaxara); e ‘Mi gran viaje literario’, de Kim López (Barcelona).

No acto de entrega de premios participaron, ademais, a directora xeral de Administración e Concertación da Organización de Estados Iberoamericanos, Fabiola Sotelo; a coordinadora de programas da Fundación SM, Mª Jesús Gil; Inés Miret, especialista en lectura e bibliotecas escolares da OEI; alumnas e alumnos premiados e docentes.

As bibliotecas na mellora do sistema educativo

A Consellería está a facer unha forte aposta polas bibliotecas escolares, cuxa achega á mellora do sistema educativo vén avalada por resultados como os de Galicia do informe PISA 2012, onde a nosa comunidade rexistrou unha mellora de 13 puntos na competencia lectora, 11 puntos por riba da media nacional e 3 puntos por riba da media da OCDE.

Así mesmo, as bibliotecas escolares galegas están a ver recoñecido o seu traballo a través de numerosos premios de boas prácticas a nivel nacional, grazas a esta estratexia de impulso que supón o Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe). De feito, son xa 524 centros de ensino os integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), 300 máis das que había ao inicio da lexislatura. En breve, publicarase unha nova convocatoria deste programa para a incorporación de novos centros para o curso 2014/2015.