O conselleiro de Cultura e Educación entrega os premios extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento e ao esforzo e superación persoal
Resultaron galardoados un total de 38 estudantes aos que se lle recoñeceu publicamente o seu traballo e dedicación
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe a entrega dos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico, e de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal, todos eles correspondentes ao curso 2012/2013.
Cos premios ao esforzo e á superación persoal a Consellería busca recoñecer e valorar publicamente os comportamentos excepcionais do alumnado dos niveis da educación básica, co fin de seguir avanzando na consecución dunha igualdade de oportunidades efectiva, e de procurar un ensino comprensivo e integrado.
No caso dos premios ao rendemento académico, procúrase dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, destacando as posibilidades que ofrece o sistema educativo para chegar á excelencia a través da equidade, a igualdade de oportunidades e as posibilidades de desenvolvemento persoal.
Esforzo e superación
Na modalidade de esforzo e superación persoal, os premiados son alumnas e alumnos que merecen un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar e sociocultural. Nesta modalidade resultaron premiados 5 alumnos da provincia da Coruña, 6 da provincia de Lugo, 1 da de Ourense e 6 alumnos da provincia de Pontevedra.
Rendemento académico
No tocante aos premios ao rendemento académico, os candidatos debían contar cunha media nas cualificacións dos catro cursos da ESO igual ou superior a 9 puntos, ademais de superar unha proba específica para acadar o premio. Neste proba, estruturada en dúas partes, valoráronse os obxectivos e as competencias básicas acadadas polo alumnado, a través de cuestións referidas ás materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas; e unha a escoller de entre física e química, música, bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, tecnoloxía ou latín.
Nesta modalidade resultaron premiados 7 estudantes da provincia da Coruña, 4 da de Lugo, 1 da de Ourense e 8 da de Pontevedra. Así, na provincia coruñesa recibiron o seu galardón Gonzalo Cao Labora (IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, da Coruña), Saúl Astray Gómez e Sergio Rey Blanco(IES Plurilingüe Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela), Ángela Dono Caramés (IES Lamas de Abade, de Santiago de Compostela), Brais Lamas Rodríguez (CPR Manuel Peleteiro, de Santiago de Compostela), Alejandra Acea Figueira (CPR Eirís, da Coruña) e Ainhoa Conde Castro (IES Agra de Raíces, de Cee). No caso da lucense, foron premiados Juan Manuel Cano Vila (IES Xoán Montes, de Lugo), Camilo López Castro (IES Lucus Augusti, de Lugo), Alexis Otero González (CPR Plurilingüe Padres Franciscanos, de Lugo), e Julia López Buitrón (IES A Pinguela, de Monforte de Lemos). No caso de Ourense, foi recoñecida con este premio María García Conde (IES Blanco Amor, na cidade das Burgas); mentres que en Pontevedra recibírono Úrsula-Andrea Martínez Álvarez (IES Valle-Inclán, de Pontevedra), Andrés Eduardo Machado González (IES Laxeiro, de Lalín), Thais Rey Azurmendi (IES Manuel García Barros, da Estrada), María Bará Louro e Andrés Vidal González (IES Sánchez Cantón, de Pontevedra), Julio Novoa Fernández (CPR El Pilar, de Vigo), Ana Vázquez Bouzo (CPR Plurilingüe Apóstol Santiago, de Vigo), e Pablo Carrera Pérez-Cosío (CPR Los Sauces, de Mos).