Cultura e Educación adxudica as axudas para que o persoal doutor realice a formación na etapa posdoutoral no estranxeiro

A Consellería investirá máis de 5,7 millóns de euros en tres anos para a formación deste persoal investigador

Nesta segunda convocatoria, incluída no Plan I2C, foron beneficiados 50 investigadores, que continuarán coa labor científica mellorando a súa formación a través de procesos de internacionalización e posibilitando a súa posterior volta a Galicia

Lun, 17/03/2014 - 17:43
 Cultura e Educación adxudica as axudas para que o persoal doutor realice a form
Cultura e Educación adxudica as axudas para que o persoal doutor realice a formación na etapa posdoutoral no estranxeiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de resolver a segunda convocatoria de axudas do Programa de apoio á formación inicial da etapa posdoutoral, para as universidades galegas, no marco do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2012, que beneficiará a 50 investigadores, e para os que se destinarán máis de 5,7 millóns de euros. Deste xeito triplícase o número de bolsas para a etapa postdoutoral respecto das do programa INCITE.

Así o goberno galego reafirma, concedendo o mesmo número de bolsas que o ano pasado a pesares da difícil situación económica, o seu compromiso coa formación universitaria de excelencia e coa permanencia do talento dos investigadores no Sistema Universitario de Galicia. En total as axudas repartíronse entre todas as universidades galegas, sendo 7 para a Universidade da Coruña, 33 para a Universidade de Santiago de Compostela e 10 para a da Universidade de Vigo.

O obxectivo destas axudas é fomentar que as universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) contraten persoal doutor co obxecto de mellorar a súa formación a través de procesos de internacionalización e posibilitando, ademais, o seu reingreso nunha universidade do SUG cun ano máis de contrato.

Contía e financiamento

A Consellería financia estas axudas cunha retribución bruta anual variable en función dos países onde o persoal doutor desenvolva as súas estadías. Nos dous anos de estadía a dotación mínima do programa oscilará entre os 34.000 euros e os 40.000 euros, para cada unha das axudas en función dos países de destino.

No ano de contrato retorno a retribución equipárase coa dos investigadores en activo do Programa Isidro Parga Pondal e supón un total de 35.200 euros por axuda outorgada. Nestas cantidades está incluído un seguro de accidentes, responsabilidade civil e cobertura médica de cada unha das persoas seleccionadas nos períodos de permanencia fóra do país.

Avaliación e control de calidade

As persoas candidatas para a obtención da axuda foron avaliadas por un amplo panel de máis de 50 expertos de fóra do sistema universitario de Galicia coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). En ditas avaliacións destacou o alto nivel das persoas candidatas e a importancia e excelencia de boa parte dos centros de estadía escollidos, moitos deles do máis alto prestixio internacional. Cómpre sinalar que estes avaliadores consideraron que os centros de destino dos beneficiados polas bolsas están entre os mellores do mundo en materia de investigación.