Convocatoria dun concurso de Traballos por Proxectos, baixo a coordinación da biblioteca escolar, en centros públicos non universitarios, para o curso 2013/2014. Acción integrada no Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares

Xov, 13/03/2014 - 11:24

Xúntase a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 12 de marzo de 2014, dun concurso de Traballos por Proxectos, baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar, en centros públicos non universitarios, de titularidade da Consellería de Cultura, Educacación e Ordenación Universitaria, para o curso 2013/2014.

Esta iniciativa está encadrada no Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe) e busca "estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias de traballos por proxectos, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinar ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación do equipo de biblioteca escolar ou co apoio desta, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ou ABP)". 

Contémplanse dúas modalidades: 

  • Proxectos de carácter interdisciplinar, ou "Proxectos Documentais Integrados", coordinados desde a biblioteca escolar e que conten coa participación dun mínimo do 40% de grupos-aula existentes no centros (ou un 40% dos departamentos).
  • Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo/nivel; traballos dun ciclo/departamento, ou traballos elaborados na materia de "Proxecto Interdisciplinar" de 1º Curso de ESO. Os traballos poden desenvolver temáticas curriculares de carácter xeral ou do ámbito científico específicamente.

Os centros interesados teñen ata o 30 de xuño para o envío da solicitude e  dunha breve memoria do proceso levado a cabo no desenvolvemento do proxecto, así como copia de materiais elaborados polo alumnado. 

A convocatoria contempla varios premios por modalidade e temática que se recibirán en forma de asignación para apoiar o funcionamento da biblioteca escolar, nas súas actividades de educación en información e de fomento da lectura.