Cultura e Educación colabora coa Federación de Libreiros de Galicia na 23ª edición dos Premios Irmandade do Libro

O acto de presentación contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, que incidiu ‘na vital importancia do libro galego e en galego na dinamización do idioma propio de Galicia’

A tradicional festa de entrega dos galardóns celebrarase en Rianxo o vindeiro 5 de abril

Mar, 11/03/2014 - 14:08
Presentación dos Premios Irmandade do Libro no Museo do Pobo Galego
Presentación dos Premios Irmandade do Libro no Museo do Pobo Galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Federación de Libreiros de Galicia na 23ª edición dos Premios Irmandade do Libro, que teñen como finalidade distinguir e homenaxear as persoas, institucións e colectivos sociais cuxo labor redunda na creación, na promoción, na divulgación e na dinamización do libro e da lectura, especialmente na lingua propia de Galicia.

No acto de presentación, que tivo lugar na Biblioteca Baltar do Museo do Pobo Galego, participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado pola presidenta e polo vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez Álvarez e Xosé Antón Pedreira Mirás, respectivamente; e mais pola concelleira de Servizos Sociais de Rianxo, Adelina Cés Quintáns.

Recoñecemento múltiple

Na súa vixésima terceira edición, os Premios Irmandade do Libro contemplan as modalidades de  Centro de Ensino,  Autor,  Libro do Ano 2013,  Libro Infantil e Xuvenil do Ano 2013, Obra Editorial, Fomento da Lectura e Libraría. Incorpórase como novidade, a modalidade de Libro Infantil e Xuvenil do Ano 2013.

Os gañadores nas distintas modalidades recibirán un diploma acreditativo da distinción e cadansúa escultura de bronce, da autoría do lucense Ismael López. O vindeiro 5 de abril, o Concello de Rianxo acollerá a entrega destes galardóns, no marco dun acto que se celebrará no Auditorio Municipal.

Citas anuais co libro

Tamén en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia, a Consellería de Cultura e Educación promove a celebración de citas anuais co libro nas rúas das principais vilas de Galicia, co obxectivo de impulsar a comercialización e promoción de autores e obras. Na edición de 2013, celebráronse feiras do libro na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Santiago de Compostela, Rianxo, Monforte, Viveiro, Foz e Vigo.

Menús News node R