O CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz e o IES Perdouro de Burela gañan o Concurso-Exposición Letras Galegas 2014 convocado por Cultura e Educación

As mostras ‘Esmeralda’ e ‘Sombras radiantes’ despregaranse en preto de 2.000 puntos de Galicia e do exterior para dar a coñecer a obra, a época e a situación sociolingüística da etapa histórica en que viviu Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado neste ano

A Secretaría Xeral de Política Lingüística busca implicar a comunidade educativa na celebración das Letras Galegas e potenciar o coñecemento da obra do autor guitiricense

Xov, 27/02/2014 - 14:25
 O CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz e o IES Perdouro de Burela gañan o Co
O CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz e o IES Perdouro de Burela gañan o Concurso-Exposición Letras Galegas 2014 convocado por Cultura e Educación

A figura de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, chegará, da man da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, aos centros de ensino, aos centros de estudos galegos, aos centros da emigración, aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia e ás bibliotecas de preto de 2.000 puntos de Galicia e do exterior. A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de resolver os dous premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2014, no que resultaron gañadores O CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz e o IES Perdouro de Burela, baixo as categorías de centros de educación infantil e primaria e de centros de educación secundaria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais, respectivamente.

Deste xeito, as dúas coleccións de 10 carteis que conformarán cadansúa mostra gañadora -“Esmeralda” -do CEIP Plurilingüe Lagostelle- e “Sombras radiantes” -do IES Perdouro- imprimiranse e distribuiranse, acompañadas guías didácticas explicativas, para fomentar o achegamento do alumnado a Díaz Castro e á súa obra. Os grupos de traballo que participaron na súa confección recibirán ademais un premio en metálico por importe de 2.500 euros cada un.

Promover o coñecemento de Xosé María Díaz Castro entre o alumnado

O departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad contribúe deste xeito, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, á conmemoración do Día das Letras Galegas 2014 desde os centros de ensino non universitarios da súa titularidade, convocando anualmente un concurso-exposición arredor da figura homenaxeada, nesta ocasión, a de Xosé María Díaz Castro.

Con esta iniciativa, a Consellería quere impulsar o estudo da obra de Xosé María Díaz Castro, favorecer a reflexión sociolingüística sobre o contexto histórico do autor, incentivar a realización de actividades que fomenten a colaboración multidisciplinar e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado e fornecer a oferta de materiais existentes en lingua galega, promovendo a súa divulgación como referentes para a creación doutros.

Apoio ás aulas de lingua e literatura galegas e ao labor dos EDLG

Tamén a través dos materiais que integran “Esmeralda” e “Sombras radiantes” quere a Consellería de Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, fornecer de material complementario as aulas das materias de lingua e literatura galegas, amais de facilitarlle ferramentas ao profesorado encargado da súa impartición, no marco dos currículos escolares da ESO e do bacharelato.

Estas dúas exposicións e as guías didácticas explicativas que as acompañan constitúen materiais de referencia e apoio ao importante labor desenvolvido desde os equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) en favor da aprendizaxe da lingua galega, así comao da súa promoción e valorización social.

Materiais de referencia en www.xunta.es/linguagalega

O espazo http://www.xunta.es/linguagalega/letras_galegas, habilitado no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística, recompila xa un bo número de materiais, actividades e outras ferramentas confeccionadas desde os EDLG para dar a coñecer e homenaxear de maneira particular o poeta guitiricense elixido pola Real Academia Galega como autor das Letras Galegas 2014.

Esta escolma de referencia para os centros de ensino irase fornecendo durante as vindeiras semanas de novos materiais, entre os que cabe destacar a próxima posta a disposición da comunidade educativa galega do documental “Xosé María Díaz Castro. Nimbos de Luz”, unha viaxe pola vida e obra do autor, que ten o valor engadido de facerse da man do propio poeta, pois é el mesmo quen guía o espectador polos lugares da súa infancia e da súa mocidade. Trátase dunha peza audiovisual gravada en 1987 e remasterizada para celebrar o Día das Letras Galegas 2014 que a Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrecerá en aberto desde a rede.