A Consellería de Cultura e Educación e o Concello de Santiago acordan un investimento de case 500.000 euros para a mellora das instalacións dos centros educativos da capital galega

O secretario xeral técnico e a concelleira da Área de Servizos Sociais reuníronse esta mañá para abordar as reformas prioritarias nos colexios da cidade

As obras realizaranse en todos os centros de Santiago de educación infantil e primaria

Lun, 24/02/2014 - 13:47
O secretario xeral técnico e a concelleira da Área de Servizos Sociais reunírons
O secretario xeral técnico e a concelleira da Área de Servizos Sociais reuníronse esta mañá para abordar as reformas prioritarias nos colexios da cidade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Santiago de Compostela acaban de acordar un investimento de preto de 500.000 euros para a mellora das instalacións dos centros educativos da capital galega, en concreto en todos os centros de infantil e primaria de Santiago. Para iso, o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén Barcala; e a concelleira da Área de Servizos Sociais, María Castelao Torres; reuníronse esta mañá para abordar as reformas prioritarias nos colexios da cidade, co fin de que as obras poidan comezar en canto o calendario lectivo o permita. No encontro estivo ademais presente a subdirectora xeral de Construcións e Equipamento, Mª Jesús López López.

Segundo o acordado, a Consellería achegará 140.000 euros para a realización de traballos de mellora que se centrarán fundamentalmente nas instalacións dos CEIP Monte dos Postes, Raíña Fabiola, Mestre Rodríguez Xixirei, Lamas de Abade e CEIP das Fontiñas, sen prexuízo de actuacións menores es outros centros.

Pola súa parte, a achega do Concello ascenderá a 350.000 euros, destinados a obras en todos os centros do termo municipal, e consistirán basicamente en labores de mantemento das infraestruturas. O obxectivo é que as obras comecen canto antes e así a concelleira xa comprometeu o inicio da intervención municipal nesta vindeira semana no CEIP Monte dos Postes.

Simultaneamente coa realización destas obras estase a enviar aos centros educativos situados no termo de Santiago o equipamento correspondente á ultima fase do Proxecto Abalar, cun investimento de máis de 500.000 euros por parte da Xunta de Galicia.

Con esta colaboración a Consellería e o Concello poñen de manifesto o compromiso de ambas as institucións coa comunidade educativa compostelá, dando resposta ás súas demandas a través dun forte investimento no actual contexto de crise económica.

Menús News node R