Xesús Vázquez Abad destaca o respaldo da Xunta á Formación Profesional Dual durante a presentación de Edugal 2014

A Consellería estará presente no III Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia que se desenvolverá entre o 26 e o 28 deste mes en Pontevedra

Cultura e Educación apoia este acto e participa cun stand no que da a coñecer a oferta educativa non universitaria de Galicia, e con sete centros do sistema educativo galego así como escolas de estudos superiores

Como novidade este ano o posto da dirección xeral de Educación incluirá a recreación dun dos viveiros de empresas que están a funcionar en CIFP e IES de Galicia

Lun, 24/02/2014 - 11:49
 Xesús Vázquez Abad destaca o respaldo da Xunta á Formación Profesional Dual dur
Xesús Vázquez Abad destaca o respaldo da Xunta á Formación Profesional Dual durante a presentación de Edugal 2014

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe o a importancia da formación profesional dual durante o acto de presentación do III Salón de Educación e Formación de Galicia (Edugal), que se desenvolverá desde o 26 ao 28 deste mes en Pontevedra.

“Un acontecemento que será un punto de encontro para o alumnado, os profesionais, os centros de formación e as institucións educativas”dixo o conselleiro en relación a este encontro, ao tempo que destacou a importancia desta iniciativa desenvolvida Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (AEMPE) e apoiada pola Consellería e sinalou que “un ano máis este encontro ten como obxectivo mostrar as alternativas educativas relativas á formación profesional ou á elección da carreira, entre outras opcións. Nesta ocasión estará especialmente centrado na Formación Dual”.

Durante a presentación, realizada na Cidade da Cultura, Vázquez Abad estivo acompañado por Eduardo Barro, director de Edugal e por Hermenegildo Novoa e Diana Pastoriza, directivo e xerente de Aempe respectivamente, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.

Aposta pola formación dual

Esta terceira edición estará centrada na formación profesional dual, da que o conselleiro destacou que “éunha aposta polo aproveitamento dos recursos a prol do futuro xa que o alumnado completará os seus estudos nun entorno produtivo similar ao laboral, a través das sinerxías entre os centros educativos públicos e as empresas privadas. Tratase dunha vía laboral que aumentará a empregabilidade do alumnado e que ten como referencia o feito en países como Alemaña, Suíza ou Austria que xa teñen unha ampla e consolidada traxectoria neste eido. Debemos recordar que a potenciación da FP dual abriu en Galicia novas vías, achegando a formación ás empresas como mellor xeito de lograr que a formación profesional responda ao que demandan os empregadores; fomentado o emprendemento das persoas e afondando na relación bidireccional centro-empresas”.

Un encontro de alternativas

Por outra banda o conselleiro recordou que iniciativas como a de Edugal teñen unha gran importancia para orientar a todos aqueles que se atopan nun momento da súa vida na que teñen que tomar unha decisión no ámbito educativo que condicionará o seu futuro.

Durante tres días o recinto feiral da cidade do Lérez recibirá a todos aqueles visitantes que desexen informarse de toda a oferta formativa que nestes momentos se está a impartir en Galicia. Un punto de encontro especialmente dirixido a nais e pais, alumnado de 4º de ESO, bacharelato e FP, a orientadores, profesionais do ensino, centros educativos, empresas e formadores para o emprego. Ademais tamén para aqueles que desexen retomar os seus estudos.

Participación da Consellería

Nesta terceira edición de Edugal a Consellería apoia, participa e presenta a oferta educativa non universitaria de Galicia a traves dun stand, a través da dirección xeral de Educación, Eduemprende. Este espazo contará este ano cun apartado no que se recrea un dos viveiros de empresas que xa están funcionando en distintos centros integrados de FP, e ademais a Consellería achegará a algúns dos emprendedores que están a desenvolver os seus proxectos nestes viveiros para que conten aos asistentes ao Edugal as súas experiencias. Cómpre recordar que nestes momentos xa están en marcha dez viveiros de empresas e próximamente comezarán a funcionar outros sete, todos eles situados en centros integrados de formación profesional e en institutos.

Ademais a tamén estarán presentes varios centros do sistema educativo galego. En concreto, contan con cadanseu stand os IES Torrente Ballester, Luis Seoane e Chan do Monte; o CIFP A Xunqueira; así como as escolas superiores de Arte Dramática de Galicia e de Ben Culturais e o conservatorio de música, Manuel Quiroga. Ademais no salón participan universidades e outras entidades educativas, tanto galegas como do resto de Estado.

Exposición e actividades formativas

Durante estes días o recinto feiral albergará un espazo de stands informativos da oferta de FP, universitarios e outros estudos superiores, así como a de ensinanzas para a aprendizaxe de idiomas, de estudos no estranxeiro, e formación militar. Ademais, o salón ofrece información sobre bolsas, webs especializadas e portais de emprego, así como sobre as posibilidades de aplicación das novas tecnoloxías ao ensino e a aprendizaxe.

A maiores da parte expositiva, o programa de actividades do evento complétase con Formaedugal, relatorios, charlas informativas, obradoiros e debates paralelos á actividade que se desenvolva nos stands. Na xornada inaugural do día 24 o tema abordado serán os cambios en educación, da era industrial á sociedade do coñecemento. Os seguintes días tratarase a orientación educativa e profesional en España e en Galicia, así como a dimensión europea da educación.