A Consellería de Cultura e Educación adxudica por preto de 1,7 millóns de euros a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán e comezará as obras nas próximas semanas

A ampliación permitirá dar resposta ás necesidades educativas do barrio coruñés dos Rosales, coa creación de nove aulas, unha sala de usos múltiples, un comedor, unha nova zona de administración e dúas unidades de apoio

Mér, 19/02/2014 - 10:26
 A Consellería de Cultura e Educación adxudica por preto de 1,7 millóns de euros
A Consellería de Cultura e Educación adxudica por preto de 1,7 millóns de euros a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán e comezará as obras nas próximas semanas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de adxudicar a obra de ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, na Coruña, á UTE Vías y Construcciones S.A. Petrolam A Veiga S.L., por un importe de preto de 1,7 millóns de euros. Tras este trámite, está previsto que as obras comecen nun prazo duns 20 días, en canto se asine o contrato coa empresa adxudicataria. Deste xeito cúmprese co compromiso formalizado diante da comunidade educativa deste centro de dar resposta ás necesidades de escolarización  do coruñés barrio dos Rosales.

A ampliación do centro, que ten un prazo de execución de 9 meses, suporá a construción de nove aulas, unha sala de usos múltiples, comedor e unha nova zona de administración e aulas de apoio. O aulario levantarase nunha parcela anexa ás instalacións actuais, próxima ao paseo marítimo. Os terreos serán cedidos polo Concello da Coruña á Xunta, en virtude do acordo acadado entre ambas administracións tras varios meses de negociacións, no que tamén se contou coas suxestións dos representantes da dirección do CEIP e da asociacións de pais e nais.

De acordo coas necesidades detectadas pola unidade técnica da consellería, as novas instalacións organizaranse nun novo edificio de 1.500 metros cadrados. No andar baixo localizaranse os servizos comúns, como un comedor con capacidade para 300 rapaces, unha sala de usos múltiples e un local para a ANPA, e no primeiro, as nove aulas cos seus correspondentes aseos, dúas unidades de apoio educativo, unha sala de profesores e unha nova zona de administración.