A Universidade da Coruña e Política Lingüística ratifican a súa vontade de colaborar na promoción do uso do galego

José María Barja e Anxo Lorenzo asinaron hoxe un convenio grazas ao que se desenvolverán diversas iniciativas de formación, asesoramento e divulgación da lingua propia de Galicia

Mar, 29/06/2010 - 12:51
José María Barja e Anxo Lorenzo
O reitor da Universidade da Coruña (UDC), José María Barja,e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), José María Barja, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre as dúas entidades que ten por obxecto impulsar a presenza da lingua galega en todos os planos da actividade universitaria.

Con este obxectivo, a UDC e Política Lingüística promoverán durante este ano diversas iniciativas no marco do convenio. Por unha banda, levarase a cabo un importante e diversificado labor de formación, dirixido a alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos. Ademais, o acordo entre ambas entidades tamén contempla outras iniciativas de normalización lingüística, como a convocatoria de premios, a realización de xornadas ou o asesoramento lingüístico para a realización de teses, traballos e proxectos en lingua galega.

Finalmente, o convenio incide na difusión do idioma propio de Galicia entre o alumnado estranxeiro, a través do III Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros. Esta iniciativa, que se desenvolverá desde o día 5 ata o 30 do mes que vén, ten como obxectivo proporcionarlles a estes estudantes un achegamento á lingua e á cultura propias de Galicia combinando actividades teórico-prácticas con outras culturais.

A colaboración da UDC e de Política Lingüística

Durante o acto, que tivo lugar esta mañá na Reitoría da UDC, os responsables da UDC e de Política Lingüística manifestaron a súa vontade de proseguir colaborando na promoción do uso do galego no ensino universitario.

O responsable de Política Lingüística fixo fincapé no interese do seu departamento por colaborar, mediante o convenio, co labor que a UDC leva a cabo para promover o uso do galego no ámbito universitario. Así mesmo, incidiu en que “o compromiso das tres universidades galegas resulta transcendental para impulsar a presenza desta lingua en todos os planos da actividade universitaria”, como a docencia, a investigación, a formación ou as actividades extraacadémicas.

Finalmente, Anxo Lorenzo destacou o importante labor de normalización e dinamización do galego que a UDC leva a cabo a través do servizo de normalización lingüística da universidade.

A situación da lingua no ámbito universitario

A través da colaboración coas universidades galegas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca continuar impulsando a presenza da lingua propia de Galicia en todos os planos da actividade universitaria.

Menús News node R

Colectivo

Ensinanza