O Consello da Xunta autoriza a adscrición da Escola de Negocios Caixanova á Universidade de Vigo

En virtude deste acordo, dáse o visto e prace tamén á implantación dase o visto e prace á implantación das ensinanzas conducentes ao título de grao en Administración e Dirección de Empresas no centro

Mér, 23/12/2009 - 14:29

O Consello da Xunta autorizou hoxe a adscrición á Universidade de Vigo da Escola de Negocios Caixanova, decreto polo que se dá ademais o visto e prace á implantación na sede de Vigo desta escola das ensinanzas conducentes ao título de Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE) pola universidade da cidade olívica.

A efectiva implantación na Escola de Negocios Caixanova do citado título de grao en ADE requirirá a modificación do seu actual plan de estudos, para incluír nel o novo itinerario que vai ofrecer este centro, e así evitar duplicidades. En virtude deste decreto, nesta escola vanse impartir as ensinanzas do grao en ADE, e de títulos de posgrao, tales como o Máster Universitario en Administración e Dirección de Empresas (MBA).

Caixanova, a través da súa obra social, garantirá a viabilidade dos estudos, asignándolle anualmente á Escola de Negocios un orzamento para o correcto desenvolvemento dos programas de ensino. Deste xeito, o financiamento dos custos derivados do cadro de profesorado, persoal de administración e servizos, edificios e instalacións do centro, correrá por conta desta entidade. Ademais, está previsto que os alumnos e alumnas do grao aboen 5.800 euros por cada un dos catro cursos; mentres que os do MBA pagarán 14.000 euros pola totalidade do plan de estudos.

Pola súa banda, a Escola de Negocios deberá aboar á Universidade de Vigo, en concepto de adscrición, taxas do 25% do prezo público que se estableza para as titulacións de grao en ADE e Máster Universitario en Dirección de Empresas.

A Escola de Negocios Caixanova empezou a funcionar en 1987, e formou nestes 22 anos máis de 35.000 directivos, que desenvolven agora a súa actividade profesional en Galicia e no norte de Portugal. Ademais, durante este período de tempo, a Escola complementou o labor de investigación da Universidade de Vigo, con traballos orientados ao apoio de sectores estratéxicos de desenvolvemento empresarial.