Vázquez Abad dá conta ao Consello Galego de Universidades do incremento dos orzamentos de 2014 para o Sistema Universitario galego

Ademais no encontro realizado na Cidade da Cultura tamén se comunicou que a Consellería autorizou o envío a verificación de 42 modificacións e novas titulacións

Nesta reunión o conselleiro de Cultura e Educación destacou que houbo 2.354 estudantes universitarios, beneficiarios das convocatorias de axudas da Xunta

Lun, 10/02/2014 - 15:28
Xesús Vázquez Abad presidiu a reunión do Consello Galego de Universidades
Xesús Vázquez Abad presidiu a reunión do Consello Galego de Universidades

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, informou no pleno do Consello Galego de Universidades (CGU), celebrado esta mañá na Cidade da Cultura, de que os orzamentos da Xunta de Galicia para as universidades no presente ano, sitúanse en 373,9 millóns de euros.

“As partidas orzamentarias vinculadas ao Plan de Financiamento do SUG suman un total de 373,9 millóns de euros para o exercicio 2014 o que supón un incremento nominal de 3,4 millóns respecto dos orzamentos iniciais do ano 2013”, destacou Vázquez Abad, que engadiu que “do total de fondos, 365,3 intégranse nos orzamentos da Secretaría Xeral de Universidades, mentres o SERGAS e a Secretaría Xeral do Deporte xestionan 8,6 millóns de euros vinculados ao plan”.

Así incidiu en que “novamente os orzamentos da comunidade autónoma mostran o apoio decidido ao ensino universitario, que crece para este exercicio nun 0,9% fronte ao descenso do 1,1% do gasto non financeiro da administración autonómica”.

Incremento orzamentario

Respecto do aumento rexistrado nominativamente Xesús Vázquez sinalou “o incremento de tres millóns na partida vinculada á subvención fixa do financiamento estrutural é consecuencia da regularización que deriva do incremento dos ingresos propios das universidades, procedentes dos ingresos extraordinarios obtidos pola variación das segundas e sucesivas matrículas no curso 2013-14", e incidiu en que "o noso obxectivo é garantir un sistema educativo público, de calidade, sustentable, innovador e útil para a formación e para a empregabilidade”.

Ademais recordou aos asistentes o CGU que se esta a manter ano a ano o Plan de Financiamento do Sistema Universitario 2011-2015, así como o respaldo aos estudantes universitarios a través da partida destinada a bolsas e axudas, que a pesares da grave crise económica mantén a mesma contía do pasado exercicio.

“Quero destacar que seguiremos apostando por repercutir o menor incremento posible nas taxas de matrícula, como fixemos ata o de agora, manténdose o SUG nos niveis máis baixos do Estado", dixo Vázquez Abad que engadiu que "no 2013 a Consellería realizou convocatorias de bolsas e axudas que tiveron como beneficiarios a un total de 2.354 estudantes universitarios a través de complementar as bolsas do alumnos do programa Erasmus, axudar aos custes de realización de estudos dunha segunda lingua, premiar aos alumnos que remataron os seus estudos universitarios cos mellores expedientes académicos, apoiar aos estudantes universitarios que participan en programas de mobilidade con países extracomunitarios e axudar economicamente aos alumnos que por causas sobrevidas ou imprevistas teñan necesidades económicas para continuar os seus estudos. Continuouse tamén coa liña de axudas de reforzo das bolsas de matrícula e iniciouse unha nova liña de axudas consistente no pagamento da matrícula a titulados universitarios que se atopen en situación de desemprego”.

Titulacións das universidades

Ademais informou aos presentes no CGU das solicitudes presentadas polas universidades para envío a verificación; así das 59 presentadas, 42 delas poderán ser enviadas á Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG) para ser avaliados por axentes externos. En total 17 graos; 21 máster universitarios; e 9 programas de doutoramento pasaron o informe previo favorable, emitido pola Secretaria Xeral de Universidades xa que cumpren cos requisitos establecidos no decreto de titulacións e nas instrucións emitidas ao respecto.

Por outra banda os membros do consello informaron a autorización da adscrición do Centro de Estudos Universitarios Superiores (CESUGA) á Universidade San Jorge da Comunidade de Aragón, así como a autorización para o inicio de actividades, unha vez presentados os documentos precisos.

Asistentes ao CGU

Nesta reunión do CGU deuse a benvida a José María Arias como novo presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en substitución de Manuel Puga Pereira. No pleno participaron, ademais do conselleiro, Xesús Vázquez Abad, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e os reitores da USC, a UDC e a UVigo, Juan Casares Long, Xosé Luis Armesto e Salustiano Mato, respectivamente, así como o director da ACSUG, Eduardo López Pereira.

Tamén asistiron o director a Axencia de Innovación, Manuel Varela Rey; a subdirectora xeral de Universidades da Consellería, Beatriz Soutelo; e a xefa do servizo de Coordinación do Sistema Universitario da Consellería de Cultura e Educación, Lourdes Rodilla. Así como os representantes da Comisión 4ª do Parlamento de Galicia: Senén Barro Ameneiro, Encarnación González Vázquez, e José Carlos de Miguel Domínguez. Por parte das universidades estiveron os xerentes, Juan Manuel Díaz Villoslada, da UDC; María Lourdes Batán Aira, da USC e Manuel Fernández Jáuregui da UVIGO.

Asemade estivo a xerente do SERGAS, María Nieves Domínguez González; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López, e o presidente do Consello Social da Uvigo, Ernesto Pedrosa Silva.