O conselleiro de Cultura e Educación reuníuse esta mañá coa directora do Instituto Confucio en España

Xesús Vázquez Abad tratou con Li Zhang, responsable de Hanban-Instituto Confucio en España, as vías de colaboración establecidas coas EOI de Galicia e futuras liñas de traballo conxunto na promoción da ensinanza do chinés

O conselleiro subliñou que “o chinés é un idioma que concita un crecente interese dentro da nosa comunidade, tal e como se pode comprobar cos datos estatísticos do último lustro.”

Sáb, 08/02/2014 - 12:30
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, na xuntanza coa directora do Instituto Confucio en España, Li Zhang

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reuniuse esta mañá na Escola Oficial de Idiomas ourensá coa delegada de Hanban-Instituto Confucio de España, Li Zhang, que chegou onte a Galicia para participar na celebración da entrada do Aninovo Chinés organizada pola consellería de Educación nesta EOI. Na xuntanza participou tamén o delegado territorial, Rogelio Martínez; o director xeral de Educación, Manuel Corredoira; e a directora do centro, Nancy Casielles.

A reunión serviu como toma de contacto para falar da colaboración xa establecida entre o Instituto Confucio e a Xunta de Galicia e avanzar en diversas liñas de traballo e cooperación en materias como a docencia, o intercambio de alumnado ou a acreditación de competencias entre o departamento educativo autonómico e a institución responsable da promoción da lingua e da cultura chinesa no mundo. Trátase dun aspecto relevante dentro das ensinanzas de réxime especial, tal e como destacou Vázquez Abad “por canto que o chinés é un idioma que concita un crecente interese dentro da nosa comunidade, tal e como se pode comprobar cos datos estatísticos do último lustro.”

Máis oferta ante unha demanda crecente

O chinés leva experimentado un importante aumento da oferta na nosa comunidade durante os últimos cinco anos, un crecemento parello ao interese económico, social e cultural que no seo da nosa comunidade se ten cara ao país asiático. Desde o curso 2008/09 ata o actual 2013/14, o alumnado incrementouse en máis dun 85%, pasándose de 270 a500 alumnos. Na mesma liña, o número de grupos foron dos 12 vixentes no curso 08/09 aos 36 grupos da actualidade, o que supón un incremento porcentual de máis do 165%.

Actualmente, pode estudarse chinés nas Escolas Oficiais de Idiomas de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Concretamente, a EOI de Ourense implantou con gran éxito no curso 2012/13 os estudos de chinés, o que tivo como consecuencia que este ano se ofertaran 120 novas prazas para responder ao crecente interese e que se oferten todos os niveis formativos neste idioma. Ademais, neste mesmo curso 13/14 a EOI de Vigo o chinés viu aumentada a súa oferta en 60 e na EOI de Lugo puxéronse en funcionamento 4 grupos cun total de 120 prazas.