Vázquez Abad confirma as próximas obras de mellora das instalacións do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei

O conselleiro de Cultura e Educación visitou o centro santiagués que con motivo do Día Escolar da Non Violencia e da Paz celebrou un festival

Xov, 30/01/2014 - 17:23
Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe no CEIP Mestre Rodríguez Xixirei ao festival in
Xesús Vázquez Abad asistiu hoxe no CEIP Mestre Rodríguez Xixirei ao festival infantil celebrado con motivo do Día Escolar da non violencia e da Paz

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe no CEIP Mestre Rodríguez Xixirei ao festival infantil celebrado con motivo do Día Escolar da non violencia e da Paz. Durante a súa visita, o conselleiro confirmou que proximamente construiranse dous baños de infantil, adecuarase o aseo de profesores e levaranse a cabo diferentes actuacións no patio cuberto.

Deste xeito, a Administración galega volve a dar conta da súa resposta as necesidades dos centros educativos, e a pesares da difícil situación económica, continúa a realizar as actuacións precisas para garantir a total normalidade nas xornadas educativas.

Cómpre recordar que a Consellería de Cultura e Educación realizou recentemente obras relativas ao saneamento xeral exterior e acometida da auga, cun orzamento de máis de 15.000 euros. Ademais, nos últimos anos investíronse preto de 75.000 euros na reforma da instalación da calefacción e en diferentes recursos educativos, entre os que están as axudas á biblioteca e o Abalar. Cómpre recordar que este colexio, no que estudan máis de 100 alumnas e alumnos, dispón por segundo ano de contrato programa na modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo.

Día da Paz

O conselleiro, acompañado polo director xeral de Centros e Recurso Humanos, José Manuel Pinal, o xefe territorial de Educación na provincia, Indalecio Cabana e polo director do centro, Pedro Meijide Méndez, percorreu as instalacións do centro que con motivo da celebración do Día Escolar da non violencia e da Paz celebrou un festival infantil no que participaron estudantes das distintas etapas educativas.

Cómpre recordar que con este día conmemorase o aniversario da morte de Mahatma Gandhi. O obxectivo desta celebración e transmitir valores de tolerancia, solidariedade, concordia, respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz.