O conselleiro de Educación asiste ao acto de graduación da promoción de Enfermería no campus de Ourense

As 50 alumnas e alumnos remataron os estudos que comezaron no 2007

Ven, 25/06/2010 - 20:30
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asist
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu ao acto de graduación da promoción de Enfermería, no campus de Ourense

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe pola tarde ao acto de graduación da promoción de Enfermería, no campus de Ourense.

Con este acto celebrouse que 50 alumnas e alumnos da promoción que comezou a estudar en 2007 rematan este ano a súa formación académica, e que desde agora pertencen a unha nova xeración que entra no mundo laboral. Todos eles desenvolveron os seus estudos nun centro que desde o vindeiro curso contará co grao en Enfermería.

Un logro da Consellería de Educación que demostra, unha vez máis, o seu interese por incrementar constantemente a calidade do sistema educativo galego en todos os seus niveis e, así o nivel dos novos titulados. Deste xeito, as alumnas e alumnos de Enfermería do campus de Ourense realizaran estudos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

Un centro con tradición

Durante a súa intervención Vázquez Abad recordou que “a Escola de Enfermería de Ourense –cuxa tradición e prestixio son cada vez máis fortes e consolidados-- posúe características que a fan exemplar e que nos permiten albergar fundadas esperanzas sobre o seu crecente potencial educativo nos eidos do ensino público da nosa terra”.

A isto o conselleiro engadiu que “esta xornada dá cumprida conta do logro dun ambicioso obxectivo: consolidar a presenza, cada vegada maior, do emerxente Campus da cidade de Ourense nun ámbito concreto, a Enfermería, que forma parte do progreso innovador na nosa terra e que é parte consubstancial ao Sistema de Benestar”.

Dirixíndose aos novo diplomados, Vázquez Abad recordoulles que “os que hoxe rematades a vosa vida como estudiantes debedes sentirvos orgullosos de formar parte dun colectivo que contribúe, como ningún outro, á procura da prosperidade vital e á conquista permanente do benestar da nosa comunidade autónoma. E iso é así, sinxelamente, porque non hai ben máis xusto e cobizado por todos que a Saúde”.

De cara ao futuro, o conselleiro lembroulles que “as vosas vidas ábrense, a partir de agora, a horizontes novos que ampliarán tanto as vosas responsabilidades profesionais coma os ámbitos nos que des desenvolver o voso traballo. Formades parte dun dos máis importantes acervos aos que o noso país pode aspirar: o capital humano, ese factor decisivo do que depende en grande medida que os desafíos se volvan éxitos e obxectivos cumpridos nunha sociedade cada vegada máis esixente e profesionalizada”, animounos.

Adaptados a Boloña

No relativo ao novo grao de Enfermería que adapta a titulación ao EEES, Vázquez Abad recordou que “coa consecución do Grao e unha vez dentro do Plan Bolonia, a partir de agora os principais obxectivos desta Escola de Enfermería só teñen perante si un horizonte posible: a consecución da excelencia académica e profesional".

Os padriños do acto

Os estudantes tiveron como padriños de promoción á secretaria da Escola Universitaria de Enfermería (EUE) e ao supervisor da Área de Saúde Mental, María Milagros Fernández Varela e Antón Gavela Gesto, respectivamente.

No mesmo acto a responsable de formación e investigación da dirección de enfermería do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, María Virginia Aznar Río, foi a encargada do relatorio ‘Ser enfermeira’.

Durante todo o evento Xesús Vázquez Abad estivo acompañado pola directora da EUE, Estrella Portela Atrio; o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Puma Baltar; e o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; e o alcalde da cidade de As Burgas,  Francisco Rodríguez.