Cultura e Educación, a Fundación Alcoa e El Progreso impulsan o emprendemento na Mariña lucense cun programa específico para favorecer a empregabilidade do alumnado

‘A Mariña Emprende’ desenvolverase en 8 centros educativos de Xove, Cervo, Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo; e incluirá accións de sensibilización e formación dirixidas a docentes e estudantes

O obxectivo é estimular o espírito emprendedor entre os estudantes do último ciclo de ESO, Bacharelato e FP como forma de favorecer a súa empregabilidade e de favorecer a responsabilidade e a autonomía persoal

Mér, 22/01/2014 - 11:20
Cultura e Educación, a Fundación Alcoa e El Progreso
Cultura e Educación, a Fundación Alcoa e El Progreso impulsan o emprendemento na Mariña lucense cun programa específico para favorecer a empregabilidade do alumnado

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; director xeral de Alcoa Primario en España e director do complexo industrial de Alcoa San Cibrao, Rubén Bartolomé; e o director do xornal El Progreso, Luis Rodríguez García; presentaron esta mañá no IES de Foz o proxecto ‘A Mariña Emprende’, a través do que as tres entidades impulsarán este curso o emprendemento entre o alumnado de 8 centros educativos da zona, en concreto nos IES Illa de Sarón (Xove), Marqués de Sargadelos (Cervo); María Sarmiento e Vilar Ponte (Viveiro), Perdouro e Monte Castelo (Burela), no IES de Foz e no Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga (Ribadeo).

O obxectivo é estimular o espírito emprendedor entre os estudantes do último ciclo de ESO -3º e 4º cursos-, Bacharelato e Formación Profesional como forma de favorecer a súa empregabilidade e de favorecer a responsabilidade e a autonomía persoal. Para iso, desenvolveranse diferentes actuacións de sensibilización e formación, dirixidas tanto ás alumnas e alumnos como ao seu profesorado. Ademais celebrarase un concurso de ideas cuxo premio será financiamento para sacar adiante un proxecto de empresa.

O xornal El Progreso será quen, tanto na súa edición en papel como na dixital, publique as informacións relacionadas co proxecto, así como dous monográficos centrados no seu desenvolvemento e unha publicación específica sobre o mesmo para a difusión da cultura do emprendemento entre todo o estudantado galego.

Tal e como explicou o conselleiro, ‘A Mariña Emprende’ é un paso máis na estratexia que a Consellería de Cultura e Educación vén desenvolvendo a través do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, ‘eduemprende’, ao abeiro do cal tamén se está a ampliar a rede de viveiros de empresa en centros educativos, cunha previsión de ter instalados un total de 17. De feito un dos centros participantes no proxecto, o CIFP Porta da Auga, porá o seu viveiro de empresa a disposición da organización das actividades.

Colaboración con Alcoa

Xesús Vázquez agradeceu á Fundación Alcoa o seu manifesto compromiso coa formación dos máis novos, que se vén materializando en diversas colaboracións coa Consellería. De feito, a cooperación entre a Consellería e a Fundación permitiu nos últimos 2 anos a implantación dos ciclos de grao superior de Química industrial no IES Marqués de Sargadelos e do ciclo de grao superior de Programación da produción en moldeamento de metais e polímeros no IES Illa de Sarón. Ademais, ambas as partes teñen posto en marcha varios proxectos de prevención de riscos laborais, tanto en centros da Mariña lucense como da provincia da Coruña.

Cun orzamento de preto de 35.000 euros a Fundación Alcoa financia esta iniciativa, para a que contará ademais co apoio da súa fabrica en San Cibrao. A Consellería, pola súa banda, será a encargada de organizar as actividades, achegalas á comunidade educativa e facilitar os espazos dos centros educativos para o seu desenvolvemento.

Fundación Alcoa, que se sustenta nos seus propios activos financieiros e non nos da compañía, respalda proxectos de institucións e organizacións para mellorar as oportunidades en educación e formación, saúde e seguridade e de respeto ao medio ambiente, co obxectivo final de contribuír a mellorar a calidade de vida das comunidades nas que Alcoa está presente.

Alumnado e docentes

As actuacións que se desenvolvan ao abeiro deste proxecto teñen dous destinatarios principais: os docentes e as alumnas e alumnos. Así, o profesorado participará nunha xornada de sensibilización sobre a importancia de inculcar ao estudantado os valores da cultura emprendora, tanto como un factor que favorece a empregabilidade, como polo seu valor á hora de impulsar a responsabilidade, maduración e autonomía persoal das alumnas e alumnos. Ademais os docentes recibirán formación específica para o desenvolvemento e elaboración de proxectos empresariais, de tal forma que poidan despois transmitirlle ao seu alumnado eses coñecementos.

No caso dos estudantes, estes participarán tamén en actividades de sensibilización, así como en outras de deseño e construción de iniciativas individuais que os predispoñan ao emprendemento. Ademais, participarán nun concurso de ideas cuxo premio final será o financiamento do proxecto de empresa gañador, e manterán encontros con empresarios e mozos emprendedores que poidan narrarlles as súas experiencias.

A comunidade educativa dos centros participantes poderá participar tamén nas actividades de sensibilización que se celebren que, xunto co resto das actuacións do proxecto, se difundirán ao conxunto do sistema educativo a través dunha publicación específica sobre ‘A Mariña Emprende’ elaborada e editada por El Progreso.

Avaliación

Antes do inicio do programa o alumnado participante deberá cubrir unha enquisa previa con preguntas relacionadas cos seus intereses profesionais, a súa vontade de emprender unha iniciativa de negocio por conta propia ou a valoración sobre o emprendemento. Unha vez finalice ‘A Mariña Emprende’, pedirase aos estudantes que enchan de novo o formulario, co fin de avaliar o impacto da actividade sobre a súa cultura emprendedora.

Ademais do conselleiro, o director xeral de Alcoa Primario e o director de El Progreso,  na presentación participaron o tenente alcalde de Foz, Pedro Fernández; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; a subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez; o xefe territorial da Consellería na provincia; José Jesús Ramos Ledo; directivos de Alcoa e profesores e alumnos de centros educativos de A Mariña de Lugo, entre outros convidados. Por parte de El Progreso asistiron tamén o seu director comercial, Jose María A. Vilabrille; e o delegado do xornal na Mariña, Pablo Villapol.