As Consellerías de Educación e de Benestar colaboran para triplicar o número de cursos de formación para persoas en desemprego, a impartir nos centros educativos

A Consellería de Traballo e Benestar destinará 3,2 millóns de euros para o desenvolvemento deste proxecto

Esta actuación, xunto con outras dúas postas en marcha nos últimos días por este departamento autonómico, suma unha inversión en materia de formación para desempregados de 33,5 millóns de euros

Por primeira vez esta formación para o emprego poderá cursarse en 17 institutos de educación secundaria de toda Galicia

Ditas ensinanzas continuarán impartíndose nos 19 Centros Integrados de Formación Profesional dependentes da Consellería de Cultura e Educación

O convenio asinado hoxe tamén renova a autorización para impartir ensinanzas de FO regrada no réxime para adultos nos tres CIFP dependentes da administración laboral en Santiago, Vigo e Ourense

Mér, 15/01/2014 - 11:50
Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez
Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; asinaron hoxe un convenio de colaboración

Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do cal se triplicará o número de cursos de formación para o emprego que se imparten nos centros de ensino dependentes do departamento educativo da Xunta de Galicia. Así, no ano 2014 ofreceranse un total de 67 cursos dirixidos a menores de 30 anos en situación de desemprego, a impartir en 19 Centros Integrados de Formación Profesional, así como en 17 institutos de educación secundaria, centros que se unen por primeira vez na oferta destes cursos.

A Consellería de Traballo e Benestar destinará 3,2 millóns de euros para o desenvolvemento deste proxecto, dividido en dúas actuacións distintas e complementarias. Dunha banda, os 46 cursos impartidos nos Centros Integrados de Formación Profesional, cuxo orzamento vaise dobrar este ano ata acadar os 2,3 millóns, e que beneficiarán a preto de 700 persoas; e, doutra banda, os 21 que terán lugar nos institutos de educación secundaria, unha iniciativa que se vai facer por primeira vez na Comunidade e que contará cun orzamento dun millón de euros para beneficiar a 315 persoas.

En materia de formación para desempregados, cómpre engadir a esta cifra outros dous procedementos iniciados nos últimos catro días por parte de Traballo. En primeiro lugar, os 26,4 millóns de euros de orzamento da Orde de cursos impartidos por entidades acreditadas e que saíu publicado no DOG o pasado venres; e os 3,9 millóns de euros investidos en accións formativas nos centros propios da Consellería e cuxa contratación foi publicada onte mesmo no DOG. Estas tres actuacións supoñen unha inversión por parte do departamento que dirixe Beatriz Mato de 33,5 millóns de euros.

Renovación de autorización

O convenio asinado esta mañá polos conselleiros no marco dunha visita ao CIFP Someso (A Coruña) renova tamén a autorización – por parte de Cultura e Educación- para impartir ensinanzas de FP regrada no réxime para adultos en tres Centros Integrados de FP dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, en concreto no CIFP de Santiago – módulos do ciclo superior de Xestión forestal e do medio natural-, no de Coia (Vigo) – módulos do ciclo superior de Mecatrónica Industrial-; e no Santa María de Europa (Ourense)– módulos do ciclo medio de Carpintería e moble-.

No caso destes tres centros dependentes da administración laboral a Consellería de Cultura e Educación aporta tanto o persoal docente necesario para impartir esta formación como os gastos ordinarios específicos de funcionamentos necesarios para o desenvolvemento destas ensinanzas.

Aposta polo emprego

A conselleira de Traballo e Benestar destacou que este Goberno, e en especial o departamento que ela dirixe, ten apostado pola formación “como unha ferramenta imprescindible para a mellora da empregabilidade dos traballadores”, para o que é preciso que sexa “de calidade, homologada, e orientada ás necesidades reais do mercado laboral”. De feito, desde 2009 preto de 36.000 traballadores e traballadoras obtiveron un certificado de profesionalidade na Comunidade, valido para todo o estado español.

Así, hai que salientar a acreditación da experiencia profesional en diversos sectores. Ata o de agora xa se realizaron 6 convocatorias públicas que aglutinaron máis de 7.500 prazas e máis de 25.600 unidades de competencia nos seguintes ámbitos: socorrismo, atención sociosanitaria, redeiras, tubeiros, cubertas, operacións de restaurante e bar, control de pragas, tubaxe, soldadura e información xuvenil. En total, 3.655 candidatos obtiveron o certificado completo.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Educación fixo fincapé na importancia da formación ao longo da vida como forma de abrir portas e novas oportunidades no mercado laboral. Así mesmo, salientou o compromiso do departamento que dirixe co establecemento de novas vías que fagan máis fácil a incorporación do alumnado de FP ao mundo laboral, a través da FP dual e da formación en centros de traballo; así como o acceso máis flexible a estas ensinanzas, mediante as modalidades a distancia ou a oferta modular para adultos. Así mesmo lembrou que Cultura e Educación ten convocado nos últimos anos un total de 22.115 prazas no proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais a través da experiencia laboral ou de formación non formal, co fin de que as persoas traballadoras melloren a súa certificación.

Neste sentido, Beatriz Mato engadiu que a Consellería de Traballo e Benestar está a reforzar os contratos de formación dual, que ofrecen aos  mozos ao mesmo tempo formación e inserción laboral, cun salario acorde ao convenio colectivo. Están dirixidos a menores de 30 anos en situación de desemprego, e especialmente deseñados para aqueles que teñen unha baixa cualificación. E, por iso, a actividade formativa ocupa, como mínimo, o 25% da xornada laboral.

Mato explicou que desde a Consellería estanse a financiar de forma voluntaria e pioneira todas aquelas actividades de formación que excedan o 25% da xornada laboral e que, ata o momento, téñense asinados 55 contratos nos que se investiron 160.000 euros. Trátase dunha modalidade que se segue a impulsar e incentivar neste exercicio.

Formación profesional para o emprego

Polo demais, os participantes nas accións formativas deberán ser desempregados menores de 30 anos. Dentro deste colectivo terán preferencia para a participación nos cursos as persoas que teñan subscrito e vixente un itinerario personalizado de inserción, as mulleres, especialmente aquelas que teñan a condición de vítimas de violencia, as persoas con discapacidade, os desempregados de longa duración, os colectivos en risco de exclusión social -sempre que tal situación se certifique polos servizos sociais públicos correspondentes- e as persoas con baixa cualificación.

En todos os cursos será obrigatoria a impartición do módulo transversal “Inserción laboral, sensibilización ambiental e igualdade de xénero” cunha duración de 10 horas. Ademais, para dar cumprimento ao establecido no artigo 33º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, impartirase un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de oito horas. Así mesmo, será obrigatorio o curso básico de prevención de riscos laborais nas especialidades formativas das familias profesionais ART, ELE, ENA, EOC, FME, IEX, IMA e MAM que figuran na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar.

Visita ao CIFP Someso

Tras a sinatura do convenio Mato e Vázquez percorreron as instalacións do CIFP Someso, no que estudan 1.267 alumnas e alumnos, despois de que nos últimos cinco anos se incrementase a oferta nun 63,1%. Así mesmo, salientou a ampla oferta do centro, con 28 ciclos autorizados, un 55’5% máis ca no curso 2008/2009.

Vázquez Abad quixo tamén salientar o compromiso do seu departamento co CIFP Someso, reflectido nun investimento de preto de 254.000 euros, grazas aos se realizaron melloras no centro, en concreto traballos de renovación da cuberta, de acondicionamento e instalación eléctrica en talleres, de renovación do pavimento do patio de acceso, así como a instalación dun lucernario.

Así mesmo, a Consellería de Cultura e Educación deu a finais do pasado ano o visto e prace para que o centro habilitase como aula magna un vello ximnasio, un proxecto que conta cun orzamento de 63.000 euros.