A Consellería de Cultura e Educación convoca as axudas para o fomento do uso do galego en centros públicos e privados

O Diario Oficial de Galicia publicou onte a convocatoria dirixida aos colexios e institutos de titularidade pública e hoxe a dirixida aos de titularidade privada

O prazo de presentación dos proxectos de fomento do galego, elaborados polos equipos de dinamización da lingua, remata o día 13 de febreiro para os centros públicos e o 14 do mesmo mes para os privados

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad mantén para este ano as axudas coas mesmas contías orzamentarias de 2013

Mar, 14/01/2014 - 17:05
 A Consellería de Cultura e Educación convoca as axudas para o fomento do uso do
A Consellería de Cultura e Educación convoca as axudas para o fomento do uso do galego en centros públicos e privados

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo pública no DOG de onte a orde de convocatoria de axudas aos proxectos de fomento do uso do galego que elaboren os equipos de dinamización da lingua dos colexios e institutos públicos da nosa Comunidade. O DOG de hoxe acolle a convocatoria de subvencións destinada ao mesmo fin en centros de titularidade privada. O prazo para presentar as solicitudes é nos dous casos dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde, polo que remata o día 13 de febreiro para os centros públicos e o 14 para os privados.

Ambas as convocatorias teñen a finalidade de contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega nos centros educativos que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios.

O departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad mantén para este ano as axudas coas mesmas contías orzamentarias de 2013.

Avaliación dos proxectos

Cada un dos proxectos de fomento do galego presentados será analizado por unha comisión de cualificación que lle outorgará un 80% da puntuación á calidade da proposta e reservará o 20% restante ao número de alumnado con que conte o colexio ou instituto. En función desta valoración, os centros recibirán unha cantidade variable que poderá chegar ata os 800 euros e que deberá destinarse ao desenvolvemento do proxecto.

A calidade da proposta avaliarase en función de diversos parámetros, como a coherencia entre os obxectivos e as actividades deseñadas para desenvolvelos, o grao de implicación dos membros da comunidade educativa, a potencialidade para incrementar os usos orais do galego, a utilización das TIC ou a colaboración con outros centros e mais con entidades externas aos colexios.

Máis fomento do galego nos centros

Ademais de outorgar axudas para que cada centro educativo, no exercicio da súa autonomía, desenvolva un proxecto adecuado ás súas peculiaridades, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, desenvolve diversos programas orientados a promover a aprendizaxe, o uso e a valoración social do galego.

Nos centros públicos de educación infantil e primaria funciona desde hai tres anos Nós tamén creamos!, un programa destinado á elaboración de curtas de animación en galego co alumnado. En secundaria púxose en marcha este curso o proxecto Dragal, que combina a animación á lectura co uso das tecnoloxías da información e da comunicación na nosa lingua.

Por outra banda, está convocado, como cada ano, o concurso para a elaboración da exposición sobre o autor homenaxeado polas Letras Galegas 2014, Xosé María Díaz Castro.

Toda a información verbo das convocatorias aquí mencionadas pode consultarse no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística: www.xunta.es/linguagalega.