A Consellería de Cultura e Educación e o Concello de Santiago poñen en marcha o primeiro bono conxunto de teatro galego nos principais escenarios de Compostela

Impulsan este programa de descontos para promover a oferta escénica de 2014 no Salón Teatro, Teatro Principal, Zona C e Sala Agustín Magán, que suman 28 espectáculos galegos e portugueses durante este primeiro semestre do ano

A iniciativa foi presentada hoxe polo alcalde compostelán, Ángel Curras, e o director da Agadic, Jacobo Sutil

Lun, 13/01/2014 - 14:03
O alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás, e o director da Axencia Galeg
O alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, compartiron hoxe a presentación desta iniciativa conxunta co director do Centro Dramático Galego (CDG), Manuel Guede Oliva, e co director xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mailo Concello de Santiago colaboran na posta a disposición do público compostelán do primeiro bono de desconto que agrupa toda a oferta teatral galega de 2014 no Salón Teatro e no Teatro Principal, xunto coas propostas máis alternativas que acollen a Zona C e a Sala Agustín Magán. Coa creación deste Bono de Teatro Galego (e Portugués), ambas as entidades abren unha nova vía para favorecer o achegamento dos espectadores á carteleira teatral galego-portuguesa dos principais espazos escénicos da cidade, dentro da que durante este primeiro semestre se programan 28 espectáculos e máis de 80 representacións.

O alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, compartiron hoxe a presentación desta iniciativa conxunta co director do Centro Dramático Galego (CDG), Manuel Guede Oliva, e co director xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

Cinco función a prezo reducido

Segundo explicaron, o bono permitirá asistir a cinco funcións a escoller entre toda a oferta teatral galega e portuguesa programada durante este ano nos espazos asociados. No folleto promocional que se distribuirá a través dos teatros, auditorios e oficinas de turismo da cidade, inclúense os 28 primeiros espectáculos –25 deles producidos por compañías galegas– que se representarán ata o mes de xuño no Teatro Principal, Salón Teatro, Zona C e Sala Agustín Magán, mentres que a programación do último cuadrimestre se dará a coñecer no mes de setembro.

O seu prezo é de 35 euros, cifra que supón un 30 por cento de desconto sobre o prezo habitual de 10 euros por entrada, aínda que de xeito excepcional algunha das representacións pode requirir un pequeno suplemento. Os bonos xa están á venda na billeteira do Teatro Principal (de 18 a 21 horas, de martes a sábado) e na do Salón Teatro (os días de espectáculo, desde dúas horas antes do comezo da función).

Programación no Salón Teatro

No Salón Teatro, espazo da Consellería de Cultura e Educación e sede do CDG, a compañía Obras Públicas será a primeira en subir a escena como parte deste programa para escenificar a peza de teatro musical ‘Bye, Bye, Honey’, de José Prieto. Pola súa banda, Triatreros representará ‘Matanza’, de Roberto Salgueiro, unha comedia visceral apousentada nun drama existencialista (domingo 2 de febreiro). Teatro de Ningures ofrecerá dous pases (xoves 6 e venres 7 de febreiro) de ‘Pegadas’, espectáculo no que cada pegada é o recordo dunha das obra, escenas ou personaxes recollidos en textos de Suso de Toro, Anxos Sumai, Benito Pérez Galdós, Manuel Pazos, Eurípides e Laila Ripoll. Ademais, o sábado 8 e o domingo 9 de febreiro a compañía compostelá VerdeVeras ofrece neste escenario as súas primeiras funcións de ‘Desalmad@s’.

Estrea do CDG

Un dos acontecementos da temporada teatral será a estrea no Salón Teatro da produción do Centro Dramático Galego: ‘Longa viaxe cara á noite’, do Premio Nobel norteamericano Eugene O’Neill e con dirección escénica de Manuel Guede, da que se ofrecen oito funcións entre o sábado 22 de marzo e o domingo 6 de abril. Na sede da compañía pública exhibirase, así mesmo, a comedia ‘Meu ben’, a nova proposta da compañía Eme2 a partir da obra da dramaturga irlandesa Elaine Murphy.

Neste mesmo período retomarase no Salón Teatro o programa de intercambio teatral entre Galicia e Portugal Troco x Troco, no marco do que visitarán Santiago as compañías Escola da Noite de Coímbra e Centro Dramático de Évora, ambas estruturas de longo percorrido teatral no país veciño e imprescindibles para comprender o panorama actual da escena lusa. Escola da Noite presenta o 13 de febreiro a obra ‘Novas diretrizes em tempos de paz’ do dramaturgo Bosco Brasil e o Centro Dramático de Évora (en coprodución coa Companhia de Teatro do Algarve) achegará os ‘Autos da Revolução de António Lobo Antunes’ o xoves 15 de maio. Estas citas co teatro en portugués compleméntanse cunha experiencia teatral inédita: o proxecto P-Stage que, financiado pola Unión Europea e xestionado pola Cena Lusófona, se materializa no espectáculo ‘As oraçoes de Mansata’ con participación de Angola, Guiné-Bissau, Brasil, Portugal e Galicia (venres 11 e sábado 12 de abril).

Teatro Principal

En canto ao Teatro Principal, un dos escenarios do Concello compostelán, a temporada 2014 comeza con ‘Da Vinci tiña razón’, estrea absoluta da última proposta de Excéntricas dirixida por Quico Cadaval (do xoves 16 ao domingo 19 de xaneiro). E continuará con ‘As do peixe’, unha historia orixinal de Cándido Pazó sobre mulleres traballadoras da industria da conserva que leva a este escenario Abrapalabra Creacións Escénicas (venres 31 de xaneiro). Xa en febreiro, o Principal acollerá ‘Sede de mal’, unha comedia musical sobre o lado escuro da vida protagonizada por Xavier Deive e Luis Iglesia B. (13 e 14 de febreiro).

Na primeira fin de semana de marzo a compañía compostelá Redrum Teatro presentará as súas últimas dúas propostas, aínda non estreadas na súa cidade: ‘Amor flexible’ (venres 7 de marzo) e ‘Curriculum Vitae’ (sábado 8 marzo). O mes de marzo rematará coa estrea de ‘Avestruz en terra allea’, de Paula Carballeira e Berrobambán, que desta volta se presentan ante os espectadores cunha montaxe para público adulto (sábado día 29).

En maio, o Teatro Principal celebrará o 25º aniversario de Teatro do Morcego coa reposición de ‘Misterio Cómico’ (mércores día 7), obra do italiano Darío Fo pola que a compañía afincada en Narón fora premiada a comezos dos anos noventa. Ademais, o mércores 14 de maio a nova formación CatroCadeiras presentará ‘O feo’, o seu espectáculo de debut, e o xoves 22 de maio Ibuprofeno Teatro escenificará ‘Pequenos actos pseudorrevolucionarios’, montaxe pola que Santiago Cortegoso e Marián Bañobre recibiron dous galardóns nos últimos Premios María Casares. Por último, o mércores 11 e o xoves 12 de xuño chegará a Santiago Talía Teatro coa traxicomedia ‘Demolición’.

Zona C e Sala Agustín Magán

A Zona C volve acoller as propostas escénicas máis alternativas. A primeira será ‘Barbazul, unha sabotaxe amorosa’, opereta para clown e soprano protagonizada por Mónica de Nut e Borja Fernández (do xoves 20 de febreiro ao domingo 2 de marzo), mentres que a compañía viguesa Inversa Teatro porá en escena o seu espectáculo experimental ‘Té con Kant’ do xoves 6 ao domingo 9 de marzo. Este versátil espazo de Bonaval acollerá tamén a estrea absoluta de ‘A Mamma’, unha comedia de Lino Braxe protagonizada por Luma Gómez para Teatro do Noroeste (do 26 de marzo ao 6 de abril). Xa en maio, Ut-Tópico Teatro presentará ‘Antiheroica’ entre os días 8 e 18.

Esta ampla carteleira complétase cunha segunda montaxe de Inversa Teatro, que os días 15 e 22 de marzo actuará na Sala Agustín Magán de Santa Marta con ‘Fémina Sapiens’, o novo espectáculo creado por Marta Pérez e que dirixe Carlos Álvarez-Ossorio.