O Consello Galego de Universidades continúa a mellorar e racionalizar a oferta do Sistema Universitario Galego

Para o curso 2014-2015 darase luz verde á revogación de autorización da implantación de 23 titulacións -que xa non se ofrecían- a consecuencia do proceso modificación, fusión e substitución por outras novas que benefician ao alumnado

A Consellería presentou as 25 propostas para a racionalización do SUG que xa foran presentadas no seu día aos vicerreitores das tres universidades para o seu análise

Nesta reunión deuse a coñecer os membros do novo consello e o novo regulamento para o funcionamento interno das universidades

Ven, 20/12/2013 - 17:30
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na reunión do Con
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na reunión do Consello Galego de Universidades

O pleno ordinario do Consello Galego de Universidades (CGU), celebrado esta mañá na Cidade da Cultura, autorizou a revogación da autorización de implantación de 23 titulacións a consecuencia do proceso modificación, fusión e substitución por outras novas, segundo está rexido no punto 6 do artigo 56 da Lei 6/2013 do 13 de xuño.

As titulacións revogadas serán dous grados e tres máster na Universidade da Coruña; nove máster na Universidade de Santiago e outros nove máster na Universidade de Vigo. Todas estas titulacións- que xa non se ofertaban- son revogadas ao haber sido implantadas titulacións que xa as substitúen por outras novas que benefician ao alumnado e que son que máis efectivas desde o plano educativo e laboral. Así, é preciso recordar que unha vez que quedou revogada a autorización de impartición dáse por iniciado o proceso de extinción dos planos de estudo afectados, no que as universidades deben tomar as medidas oportunas para garantir os dereitos académicos dos estudantes.

Estas 23 titulacións únense aos 29 títulos de másters que non se impartiran no curso 2014-2015,  por non acadar o número mínimo de alumnado matriculado. Respecto destas titulacións, compre recordar que as universidades que presenten as correspondentes modificacións poderán volver a impartir estes estudos no 2015-2016.

Deste xeito dáse un novo paso no proceso de racionalización e mellora de titulacións no Sistema Universitario Galego reducindo sensiblemente a oferta grazas ao esforzo de racionalización e concentración levado a cabo polas universidades en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación. 

Nova composición do CGU

No mesmo CGU tamén se deu a coñecer a composición do órgano de acordo coa Lei 6/2013, e neste encontro deuse a benvida aos designados pola Comisión 4ª do Parlamento de Galicia: Senén Barro Ameneiro, Encarnación González Vázquez, José Carlos de Miguel Domínguez e Miguel Domingo Rodríguez Bugarín. Por parte das universidades uníronse os xerentes, Juan Manuel Díaz Villoslada, da UDC; María Lourdes Batán Aira, da USC e Manuel Fernández Jáuregui da UVIGO. Asemade se incorporou a xerente do SERGAS, María Nieves Domínguez González; o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos López-Prado e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López.

No CGU a Consellería deu a coñecer a proposta de regulamento do Consello Galego de Universidades previsto na mesma Lei e que se achegou aos membros do SUG co obxectivo de que realicen as súas propostas e suxestións. Este proxecto, unha vez incorporadas as suxestións dos membros do consello, e para chegar a ser publicado no Diario Oficial de Galicia, deberá contar cos informes do Servizo Técnico Xurídico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, ademais de un sobre o impacto de xénero emitido pola Secretaría Xeral da Igualdade, e outro de legalidade e técnica normativa emitido pola Asesoría Xurídica.

Propostas para o Mapa de titulacións

Ademais todos a Consellería fixo participes a todos os membros do CGU o documentos cos 25 propostas sobre a folla de ruta a seguir no Mapa de titulacións. Achegas realizadas no grupo de traballo no que se atopan os vicerreitores e que neste encontro deuse a coñecer a todos os implicados.

Cómpre recordar que este documento de propostas ten, entre outras, a organización de grupos de traballo para avanzar na definición da especialización dos campus universitarios ou para buscar solucións aos problemas de multiplicidade de titulacións mediante propostas de fusión ou simultaneidade de titulacións e da discriminación positiva dos campus periféricos. Así mesmo expúxose a posibilidade de traballar conxuntamente para  modificar o plan de estudos nas facultades de formación de profesorado coa finalidade de solucionar deficiencias na calidade da ensinanza a todos os niveis, e da posibilidade de avanzar para asinar un convenio de colaboración para a docencia clínica entre as tres universidades do SUG.

Outra proposta presentada céntrase na creación dun Campus Virtual do SUG coa pretensión de acadar unha maior proxección a nivel internacional na oferta de estudos do noso sistema, cos beneficios de intercambio cultural e económico que poden supoñer para a Comunidade Autónoma, así como unha maior accesibilidade para conciliar a vida familiar e laboral, a mobilidade e os coidados de persoas dependentes. Este campus sempre xurdiría colaboración entre as universidades do SUG e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Así mesmo, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, informou aos presentes da implantación na Universidade de Santiago do grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas, do campus de Lugo, unha vez que a USC realizou os trámites precisos.

Asistentes ao CGU

No pleno do Consello Galego de Universidades participaron, ademais do conselleiro, Xesús Vázquez Abad, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, os novos membros xa relatados, e os reitores da USC, a UDC e a UVigo, Juan Casares Long, Xosé Luis Armesto e Salustiano Mato, respectivamente, así como o director da ACSUG, Eduardo López Pereira. Tamén asistiron o director a Axencia de Innovación, Manuel Varela Rey; a subdirectora xeral de Universidades da Consellería, Beatriz Soutelo; e a xefa do servizo de Coordinación do Sistema Universitario da Consellería de Cultura e Educación, Lourdes Rodilla.