Cultura e Educación leva á mesa sectorial a convocatoria de 117 prazas de emprego público para profesorado no 2014

Os sindicatos do ensino foron chamados para abordar a convocatoria, das que 93 prazas serán de quenda libre e 24 de promoción interna

Mar, 17/12/2013 - 12:38

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocou hoxe pola mañá aos sindicatos do ensino á mesa sectorial para fixar en 117 prazas a vindeira convocatoria de oferta de emprego público para profesorado de secundaria no 2014, da que 93 serán de quenda libre e o resto de promoción interna.

Cómpre recordar que a Lei de Presupostos Xerais do Estado limita a reposición de efectivos docentes cunha taxa máxima do 10%, aplicable aos postos de quenda libre.

Por especialidades

No caso da quenda libre convocáranse 24 prazas para a especialidade de xeografía e historia; e 24 para matemáticas. Ademais haberá 20 prazas para bioloxía e xeoloxía, 15 para inglés e 10 para administración de empresas.

Por outra banda na quenda de promoción interna as 24 prazas divídense en 6 para xeografía e historia; 6 para matemáticas; 5 para bioloxía e xeoloxía; 4 para inglés e 3 para administración de empresas. 

Esta foi a proposta presentada hoxe á mesa sectorial pola mañá polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal que volveu a dar conta da vontade da Consellería para a creación de prazas de oferta pública na comunidade galega.