‘O Crebanoces’ chega mañá a Santiago, no marco do programa ‘Nadal en Rede’ da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia
O secretario xeral de Política Lingüística presentou esta mañá o espectáculo de monicreques inspirado no conto de Hoffmann, con música de Tchaikowsky e dirixido ao público familiar que se poderá gozar este sábado ás 18:30 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, con entrada de balde ata esgotar a capacidade
Durante a fin de semana tamén se poderá ver en Vilagarcía de Arousa e en Ribeira
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, presentou esta mañá en Santiago o espectáculo de monicreques “O Crebanoces” que, inspirado no conto de Hoffmann, con música de Tchaikowsky e dirixido ao público familiar, chegará mañá, sábado, á capital de Galicia, cunha función ás 18:30 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Farao no marco da programación de Nadal da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, “Nadal en Rede”, con entrada libre e de balde, ata esgotar a capacidade.
No acto de presentación, que tivo lugar na sala de prensa de Raxoi, García Gómez estivo acompañado pola concelleira de Normalización Lingüística compostelá, Rebeca Domínguez Iglesias; e mais pola actriz protagonista de “O Crebanoces”, Larraitz Urruzola.
Segundo explicou o secretario xeral “o programa ‘Nadal en Rede’ despregarase ata primeiros de xaneiro por un total de 60 concellos da RDL para completar a programación anual da RDL deste ano 2013 e, dentro del, “O Crebanoces” chegará a 24 localidades pertencentes á RDL”. “Con el –dixo García Gómez- a RDL fornece os seus concellos de propostas de lecer en galego que teñen como finalidade galeguizar as estas festas celebrándoas na lingua propia de Galicia, amais de reforzar e ampliar a programación de Nadal propia que organiza cada un deles”.
“O Crebanoces” estará en dúas localidades máis durante a fin de semana, que abrirá mañá pola mañá, sábado, en Vilagarcía de Arousa. Nesta vila arousá poderase ver ás 12:00 horas no Auditorio e, o domingo -tamén en horario de maña- darase cita no Auditorio Municipal de Ribeira, con outra función ás 12:30 horas.
16 localidades máis ata xaneiro
As restantes localidades anfitrioas serán, desde a fin de semana que vén e ata o 8 de xaneiro, Sobrado, Quiroga, A Laracha, Rois, O Barco de Valdeorras, Vedra, Cee, Abegondo, Teo, Lousame, Ames, Noia, A Coruña, Ferrol, Fisterra e Oroso. A actividade conta coa colaboración da Deputación da Coruña, no caso dos concellos da provincia incluídos na itinerancia. Máis información de “O Crebanoces” e de “Nadal en Rede” en www.xunta.es/linguagalega/nadal_en_rede_2013