Cultura e Educación participa na presentación do ensaio gañador da XII edición do Premio Ramón Piñeiro
O galardón promóveno con periodicidade anual a Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na presentación de “Para que nos serve Galiza?”, obra coa que o polítologo, consultor e investigador Xaime Subiela Pérez se fixo coa XII edición do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro. Este galardón promóveno, con periodicidade anual, o departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad –por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- e mais a Editorial Galaxia, e conta coa colaboración de Gas Natural Fenosa. Está dotado con 3.000 euros e mais coa publicación da obra.
No acto de presentación, que tivo lugar na Libraría Couceiro de Santiago, participaron, canda ao autor, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o director da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; e Amalia Baltar Estévez, en representación de Gas Natural Fenosa.
García Gómez recordou que este premio se creou “en memoria do escritor, filósofo e galeguista Ramón Piñeiro e acóllese ao espírito que inspirou a súa traxectoria intelectual, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega e mais o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo”.
O xurado que ditaminou o premio, integrado por Luís Alonso Girgado, por Miguel Barros Puente, por Encarna Otero Cepeda, Por Carme Vidal Lage e por Carlos Lema, valorou de xeito especial a modernidade da análise da situación actual de Galiza e o novidoso da formulación dos retos da sociedade galega de hoxe, así como a visión optimista de futuro que reflicte o ensaio. Outorgoulle o premio a esta peza por maioría e salientou a calidade dos sete orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.
O autor, experto na planificación lingüística no eido local
O autor, Xaime Subiela, é unha persoa de traxectoria destacada no ámbito da política lingüística e da planificación da lingua galega, nomeadamente na súa aplicación no ámbito local. Foi director técnico dos plans de normalización dos concellos de Ferrol e Santiago de Compostela (2001-2003) e director da investigación do Informe de Política Lingüística e Normalización en Galicia do Consello da Cultura Galega (2000-2002).
Impartiu materias e seminarios en diversos mestrados relacionados coa planificación pública -entre eles no Mestrado Interuniversitario en Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega organizado conxuntamente polas tres universidades galegas no ano 2008– e coa participación cidadá.
É tamén relator en diversos congresos do ámbito lingüístico e cultural, campos nos que conta con numerosas publicacións de referencia, e colaborador habitual da Radio Galega e da revista Tempos Novos, na que coordinou o Informe Galicia 2010. Neste informe podemos atopar un dos seus artigos máis coñecidos, “O idioma galego; alarmas e esperanzas”.
Traxectoria do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro
O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio naceu no ano 2000 e, na súa primeira edición, o galardón recaeu en Basilio Lourenço Fondevila, por “A submisión das masas” (2000); na segunda, en Anxo A. Rei Ballesteros por “Tempo e vinganza” (2002); na terceira fíxose con el Xosé Luís Barreiro Rivas por “A terra quere pobo” (2003); na cuarta, Teresa Moure por “Outro idioma é posible” (2004); na quinta, Rebeca Baceiredo con “O suxeito posmoderno” (2005); na sexta, Ramón Area Carracedo e Alexandre García-Caballero por “Psicopatoloxía do retorno” (2006); na sétima, María López Sández, con “Paisaxe e nación” (2007); na oitava, Xosé Ramón Quintana Garrido, por “Un longo e tortuoso camiño” (2008); na novena, Manuel Pérez Rúa con “Domingos de calcetíns brancos” (2009); na décima, Ramón Máiz, por “A arte do imposible” (2010); e na pasada, de novo Teresa Moure con “Queer-emos un mundo novo” (2011).