O informe PISA 2012 confirma a Galicia como a comunidade autónoma cun sistema educativo máis equitativo, por diante de todos os países da OCDE agás México

A aposta da Consellería de Cultura e Educación polo ensino público permite que todos os estudantes poidan acceder á educación en igualdade de oportunidades

Mér, 04/12/2013 - 18:25
 O informe PISA 2012 confirma a Galicia como a comunidade autónoma cun sistema e
O informe PISA 2012 confirma a Galicia como a comunidade autónoma cun sistema educativo máis equitativo, por diante de todos os países da OCDE agás México

O informe PISA 2012 vén de confirmar a Galicia como a Comunidade Autónoma cun sistema educativo máis equitativo, por diante ademais de todos os países da OCDE, agás México. Deste xeito demóstrase que a aposta que está a facer a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria polo ensino público permite que todos os estudantes poidan acceder á educación en igualdade de oportunidades,

O PISA analiza o impacto do Índice social, económico e cultural (ESCS) no grao de adquisición de destrezas e coñecementos do alumnado de 15 anos, o que ofrece unha medida da equidade dos sistemas educativos. Desta forma, un sistema será máis equitativo canto menor variación cause nos resultados das probas PISA o ESCS, xa que desta forma se garante un maior grao de igualdade de oportunidades.

Neste sentido, o dato para Galicia é de 2.7, é dicir, que ao incrementar unha décima do ESCS o cambio no rendemento do alumnado sería só deses 2.7 puntos máis. Cómpre sinalar que o español é un dos sistemas máis equitativos, cun 3.4, moi por detrás da nosa comunidade. De feito, de toda a OCDE tan só México ten maior equidade que Galicia, cun dato de 1'9.

Despois de Galicia, as Comunidades Autónomas nas que é menor o impacto do ESCS son País Vasco e Castela e León, en ambos os caso con 2.9 puntos. No conxunto de países da OCDE un incremento de 0,1 puntos no ESCS corresponderíase cun aumento de 3.9 puntos na puntuación media de matemáticas –a principal competencia avaliada en PISA 2012–, mentres que na UE sería de 4 puntos.

Entre os países nos que o ESCS ten maior influencia –segundo o PISA–están  Francia, Eslovaquia, Nova Zelandia, República Checa e Israel, nos que o aumento unha décima do ESCS produce unha variación das puntuacións en matemáticas de máis de 5 puntos.

Os datos poden comprobarse na seguinte gráfica:

Incremento na puntuación media por cada décima de aumento do ESCS nos países da OCDE e as comunidades autónomas.

Gráfico PISA

Un sistema mellor que hai 5 anos

Tanto os resultados de PISA como outros indicadores educativos nos que Galicia tamén está mellor que o resto de Estado - abandono educativo temperán, a taxa de idoneidade, e as taxas de graduación en ESO, Bacharelato e FP- demostran que hoxe a educación en Galicia goza de mellor saúde que hai 5 anos.

Neste sentido cómpre lembrar que Galicia acadou neste informe PISA 2012 resultados por riba da media española nas tres competencias avaliadas e por riba da media da OCDE en dúas delas. Así, Galicia, con 499 puntos, pasa de ser a 10ª Comunidade Autónoma a ser a 6ª nesta competencia, 11 puntos por riba da media nacional e 3 puntos por riba da media da OCDE. Cómpre sinalar ademais que a media nacional respecto do 2009 só se incrementou 7 puntos, case a metade ca galega.

O alumnado galego tamén mellorou os seus resultados na competencia científica, na que a nosa comunidade acada 512 puntos, 11 máis cá media da OCDE, 16 máis ca media nacional e 6 máis ca o resultado galego no informe PISA 2009, de forma que Galicia continúa a ser a Comunidade Autónoma situada en 5º lugar.

No que atinxe á competencia matemática Galicia mantense nos 489 puntos de PISA 2009. A media da OCDE descende nesta competencia 2 puntos ata os 494, polo que se acurta a diferenza en 2 puntos.