Cultura e Educación e mais a Fundación Rosalía de Castro entregan en Padrón os premios do certame audiovisual de dinamización lingüística ‘Imaxina Cantares!’

A esta iniciativa coa que a que a Xunta fixo extensiva a celebración do 150.º aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ aos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de titularidade pública de Galicia concorreron máis dun cento de proxectos audiovisuais

A Casa da Matanza acolleu o acto de entrega que tivo como peche o concerto ‘Rosalía Pequeniña’ de Uxía e que contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística e do presidente da Fundación

Mér, 04/12/2013 - 18:10
Cultura e Educación e mais a Fundación Rosalía de Castro entregan en Padrón os p
Cultura e Educación e mais a Fundación Rosalía de Castro entregan en Padrón os premios do certame audiovisual de dinamización lingüística ‘Imaxina Cantares!’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, celebrou esta mañá na Casa da Matanza de Padrón o acto de entrega de premios do certame audiovisual de dinamización lingüística “Imaxina Cantares!”, convocado conxuntamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e dirixido aos equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) dos centros de titularidade pública de Galicia co gallo do 150.º aniversario da publicación de “Cantares gallegos”.

Na entrega participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o presidente da fundación rosaliana, Anxo Angueira Viturro; o rexedor padronés, Antonio Fernández Angueira; a subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, M.ª Carmen Cimadevila Cea; e a coordinadora central dos equipos de dinamización da lingua galega, Xulia Marqués Valea.

Innovación desde os equipos de dinamización

“Imaxina Cantares! naceu cos obxectivos de dinamizar o uso da lingua galega entre o alumnado, impulsar a creatividade neste idioma e promover a súa presenza en novos espazos e soportes, así como de fomentar a participación e o traballo en equipo. Os máis de  100 proxectos presentados ao certame e a alta calidade das pezas amosan o cumprimento efectivo destas metas”, dixo o secretario xeral, quen tamén gabou o “importante rol dos EDLG e o seu traballo constante a prol da promoción do idioma por medio das TIC e do audiovisual, un labor sempre innovador e de vangarda que posibilita vencellar a lingua propia de Galicia aos focos de interese da rapazada, así como ás técnicas e aos modos comunicativos máis actuais”.

Recolleron cadanseu premio alumnado e profesorado do CRA Nosa Señora do Faro (Ponteceso), da EEI de Lañas (A Baña), do IES As Barxas (Moaña), do IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), do IES A Guía (Vigo), do CEIP da Barqueira (Cerdido), do CEE O Pedroso (Santiago de Compostela) e do IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos).

‘Rosalía Pequeniña’

O peche do acto achegoulles aos escolares galardoados o concerto “Rosalía Pequeniña” de Uxía que, durante este ano e, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, vén de levar con grande éxito de acollida a palabra rosaliana cantada a 40 concellos de Galicia dentro do programa de dinamización lingüística “FalaRedes 2013” e no marco das múltiples accións conmemorativas do 150.º aniversario da publicación da obra inaugural do Rexurdimento galego postas en marcha desde a Administración autonómica.

Cun amplo repertorio que incluíu, entroutras, “Como chove miudiño”, “Has de cantar”, “Paseniño”, “Miña santiña, miña santasa”, “Alborada”, “Rosalía Pequeniña”, “Xan”, “A grasia non era moita” e “Maio longo”, a coñecida artista, acompañada por Sérgio Tannus á guitarra e Santi Cribeiro ao acordeón, deu boa conta da adaptación e actualización da poesía de Rosalía de Castro ao s. XXI a ritmo de muiñeira, rock ou blues.

Proxectos premiados e mencións de honra

O xurado de “Imaxina Cantares!” ditaminou, de acordo coas bases do certame, seis galardóns con dotación económica e tamén catro mencións de honra, de entre os 123 proxectos presentados consistentes en vídeos de menos de 10 minutos de duración con reinterpretacións de poemas rosalianos por medio de diferentes técnicas audiovisuais.

Dous dos premios, 1.º e 2.º baixo a modalidade de Educación Infantil e Primaria, respectivamente, recolléronos o CRA Nosa Señora do Faro, polo traballo "Cociñamos con Rosalía"; e mais a EEI de Lañas, pola peza "Viches a Rosalía de Castro?". A esta modalidade concorreron máis de 70 proxectos.

Na modalidade de Educación Secundaria Obrigatoria fóronlles outorgados os galardóns ao IES As Barxas, polo traballo "Non che teño medo, moucho" (1.º Premio), e ao IES As Bizocas (O Grove), polo proxecto “Cantarescen anos despois” (2.º Premio). Foron elixidos de entre os case 40 traballos presentados.

Na de Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas Especiais recibíronos o IES Aquis Celenis, por "Agora é outro cantar" (1.º Premio) e o IES A Guía por "Eu ben vin estar o moucho"  (2.º Premio), que competiron con outros 13 proxectos.

As mencións de honra concedidas foron para o CEIP Mestre Valverde Mayo (Mos), o CEIP da Barqueira, o CEE O Pedroso e o IES Francisco Daviña Rey.

Menús News node R