Os derradeiros ‘Encontros dos Axóuxeres’ do ano danse cita a fin de semana en Santiago, Silleda e A Estrada, da man de Cultura e Educación

O programa de fomento do uso e da transmisión interxeracional da lingua propia de Galicia nas familias novas con bebés completará a súa edición 2013 este sábado na capital galega, logo de percorrer, con grande éxito de acollida 24 localidades da Rede de Dinamización Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe en rolda de prensa o encontro compostelán que se desenvolverá, baixo reseva previa telefónica e rigorosa orde de inscrición, no espazo Zona C de Bonaval

Mar, 03/12/2013 - 12:35
O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe en rolda de prensa o e
O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe en rolda de prensa o encontro compostelán

A edición 2013 do programa de dinamización lingüística “Os Axóuxeres”, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impulsar o uso e a transmisión interxeracional da lingua galega nas familias novas con bebés e fillos/as menores de seis anos, chegará á súa fin esta fin de semana en Santiago de Compostela. Farao logo de percorrer, desde a súa posta en marcha a finais de setembro e con grande éxito de acollida, as 24 localidades da Rede de Dinamización Lingüística incluídas no seu calendario de encontros, o itinerario máis amplo de todas as edicións do programa ata o momento.

Disto deu conta hoxe en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que estivo acompañado pola concelleira de Normalización Lingüística compostelá, Rebeca Domínguez. En palabras do secretario xeral “Os Axóuxeres  son unha iniciativa para que os nenos e nenas asocien o galego con experiencias agradables, cheas de tenrura e de diversión, e cunha estética dinámica e actual, así como unha ferramenta de apoio para as familias que desexen transmitirlles o galego aos seus fillos”.

“Os Axóuxeres” ofrecerán a derradeira función desta edición o sábado 7 de decembro en Santiago de Compostela, na Zona C, ás 18:30 horas. Como en todos os encontros, as persoas interesadas en participar deberán inscribirse no número 610 641 570, ata o venres e en horario de atención das 10:00 ás 14:00 horas. A reserva é de balde, para nenos/as menores de seis anos acompañados/as por un adulto, por rigorosa orde de inscrición e ata completar a capacidade da sala.

Últimas funcións da edición 2013

Previamente a este derradeiro encontro dos Axóuxeres na capital de Galicia, o programa ofrece o venres, no marco da Festividade da Constitución, a antepenúltima función do ano no concello de Silleda, e o sábado pola mañá a penúltima no concello da Estrada. Na primeira das localidades poderase gozar na Casa da Xuventude, ás 12:30 horas, e  na segunda no Teatro Principal, ás 12:00 horas. A inscrición previa telefónica tamén está aberta para estas dúas funcións no mencionado teléfono e con atención no mesmo horario, ata o mediodía deste venres.

24 concellos da RDL

O programa de dinamización lingüística familiar comezou no mes de setembro un intenso itinerario por 24 concellos da RDL, e durante todo o outono levou a actividade a Ourense, a Santa Comba, a Arteixo, á Coruña, a Ames, a Burela, a Viveiro, a Ferrol, a Xinzo de Limia, a Verín, ao Pereiro de Aguiar, a Moaña, a Redondela, a Teo, a Ribeira, a Vilalba, a Mos, ao Porriño, a Pontedeume, ao Grove e a Vilagarcía de Arousa. Coas funcións desta fin de semana en Silleda, na Estrada e en Santiago de Compostela “Os Axóuxeres” concluirán a súa sexta edición.

Toda a información, calendario completo, materiais descargables e espazo de participación en www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2013.

Menús News node R