A Consellería de Cultura e Educación participa no acto de entrega do VII Premio de Narrativa Breve Repsol a Berta Dávila
O galardón convócase co obxectivo de impulsar e reforzar a creación literaria en lingua galega
A Consellería colabora, a través da secretaría xeral de Política Lingüística, coa Real Academia Galega, coa Asociación de Escritores en Lingua Galega e mais coa Editorial Galaxia na organización deste certame
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a traves da Secretaría Xeral de Política Lingüística e representada por Valentín García, participou este serán na entrega do VII Premio de Narrativa Breve Repsol, que desta volta recaeu na santiaguesa Berta Dávila pola súa obra “O derradeiro libro de Emma Olsen”.
No acto, que tivo lugar na sede da Fundación Paideia na Coruña, o secretario xeral estivo acompañado por César Gallo Erena, vicepresidente da Fundación Repsol e mais por Víctor F. Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia, editora da obra gañadora do certame. O acto contou tamén cun recital poético a cargo da galega Rosa Cedrón, acompañada á guitarra por Alex Blanco.
Implicación coa literatura galega
Durante a súa intervención, García Gómez, destacou a importancia do Premio de Narrativa Breve Repsol e de todas as iniciativas semellantes posto que “"a implicación continuada da Fundación Repsol na normalización da lingua e do sistema literario galego, así como a súa contribución ao fortalecemento do idioma propio de Galicia por medio deste premio". Unha implicación que, en palabras do secretario xeral, "conta coa colaboración necesaria da Editorial Galaxia, que impulsa a difusión da obra gañadora coa súa publicación". Neste sentido "debémonos felicitar todos e todas porque, con toda normalidade, unha institución pública e unha entidade privada decidan colaborar para levar adiante un premio literario que, desde a súa primeira edición, foi todo un éxito".
O cambio da infancia á xuventude
“O derradeiro libro de Emma Olsen” resultou gañadora de entre 31 orixinais que se presentaron nesta sétima edición do certame. O xurado, integrado por Dolores Vilavedra, Olivia Rodríguez González, Antía Otero, Carlos González de Lema e Xavier Alcalá Navarro, sinalou que a obra é “un exemplar moi interesante dun subxénero literario típico da literatura escrito en inglés chamado Interiors” e sinalou que “esta moi ben conseguido”, ao tempo que destacou da autora que “fixo un xogo metaliterario que é sorprendente pola súa madurez”.
O premio, que está dotado con 12.000 euros e mais coa publicación da obra gañadora pola Editorial Galaxia, dictaminouse e fíxose público o pasado 17 de setembro nunha conferencia de prensa na que participou Valentín García, en representación do departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad.
A gañadora do certame
A gañadora, Berta Dávila, é autora dos libros de poemas “Corpo baleiro” (Espiral Maior, 2007) e “Dentro” (Premio Avelina Valladares, 2008), así como da novela “Bailarei sobre a túa tumba” (Premio Biblios de novela, 2008) e do libro de relatos “A arte do fracaso” (Barbantesa, 2010), traducido xa ao castelán e en preparación as edicións xaponés e mais en éuscaro. A santiaguesa recibiu no 2012 o premio Johán Carballeira en 2012 polo poemario “Raíz da fenda” (Edicións Xerais, 2013), participou na antoloxía “Poetízate” (Edicións Xerais, 2011), “A cidade na poesía galega do século XX” (Editorial Toxosoutos, 2012) e noutros volumes colectivos como “Sete de biblos” (Biblos, 2012).
Traxectoria do Premio de Narrativa Breve Repsol
Na primeira edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose co galardón pola súa obra “Se algún día esta muller morta” e Xavier Lama, profesor da USC e coñecido xornalista, acadou un accésit por “O insomnio dos centauros”. A gañadora da segunda edición foi a obra “Así nacen as baleas”, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo “A verdade como mal menor”. Na cuarta, en 2010, o premio foi para o escritor Xurxo Sierra pola súa obra “Os fíos”. En 2011, gañouna Fernando Díaz Castroverde Gómez, por “Microbios e outros paquidermos”, e, a correspondente á edición do ano 2012, María López Sández pola peza “A forma das nubes”.