A Rede de Dinamización Lingüística pon en marcha unha ampla programación de actividades no marco da segunda edición de ‘Nadal en Rede’

O secretario xeral de Política Lingüística presentou esta mañá en Arteixo o espectáculo de monicreques ‘O Crebanoces’ que, inspirado no conto de Hoffmann, con música de Tchaikowsky e dirixido ao público familiar, arrancará mañá nesta localidade coruñesa

As propostas ‘Cantámosche os reis’ e ‘Lingua de reis’ e mais os materiais dixitais ‘Un novo Nadal. Guía de agasallos en galego para a mocidade’, ‘Carta ás Súas Maxestades de Oriente’, o ‘Libro dos Reis Magos’ e ‘Postais en galego.com’ completarán a oferta de dinamización lingüística para festexar o Nadal en galego

Lun, 02/12/2013 - 13:49
 A Rede de Dinamización Lingüística pon en marcha unha ampla programación de act
A Rede de Dinamización Lingüística pon en marcha unha ampla programación de actividades no marco da segunda edición de ‘Nadal en Rede’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer esta mañá en Arteixo a primeira das propostas de dinamización lingüística que arrancará mañá nesta localidade coruñesa. Farao para festexar o Nadal en galego desde a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, no marco da segunda edición do programa ‘Nadal en Rede’. Trátase do espectáculo para monicreques ‘O Crebanoces’, unha proposta inspirada no conto de Hoffmann que, con música de Tchaikowsky e dirixida ao público familiar, chegará a 24 concellos ata primeiros de xaneiro.

No acto de presentación, que tivo lugar no Salón de Plenos arteixán, participaron, canda García Gómez, o rexedor municipal e deputado provincial Carlos Calvelo, a actriz protagonista do espectáculo, Larraitz Urruzola, e mais o responsable de Urdime, empresa xestora da actividade, Xaime López. 

O secretario xeral explicou que “o programa ‘Nadal en Rede’se integra na programación anual propia da RDL para o ano 2013 e que ten como finalidade ofrecerlle á cidadanía actividades destinadas a festexar as festas do Nadal en galego. ‘Nadal en Rede’ chegará, por medio de diversas iniciativas, a 60 concellos da RDL durante estas festas ampliando as súas propostas e a súa programación con respecto á edición anterior, á que desde a propia RDL se decidiu darlle continuidade neste ano”.

Nadal en Rede

“Nadal en Rede” é o programa da RDL destinado especialmente á galeguización das festas do Nadal que, nesta edición 2013 incluirá o espectáculo de monicreques “O Crebanoces”; o obradoiro de cantos de Nadal “Cantámosche os reis”, impartido polos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk; as visitas dos tres Magos de Oriente a centros escolares de infantil e primaria, “Lingua de Reis”; as “Cartas ás Súas Maxestades de Oriente” e mais o “Libro dos Reis Magos”, que tamén se poderán descargar da Internet; a guía “Un novo Nadal. Guía de agasallos en galego para a mocidade”, impulsada en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia para promover os agasallos en  galego entre a mocidade, e o espazo virtual “Postais en galego.com”, desde o que se poderán enviar postais electrónicas para felicitar as festas.

 “O Crebanoces” abrirá o seu calendario de funcións en concellos da RDL mañá, 3 de decembro, en Arteixo, onde se poderá gozar no Auditorio Municipal ás 19:00 horas, e percorrerá as localidades de Santa Comba, Outes, Padrón, Ribeira, Sobrado, A Laracha, Rois, Vedra, Abegondo, Lousame, Ferrol, Fisterra, Oroso, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, Quiroga, O Barco de Valdeorras, Cee, Teo, Ames, Noia e A Coruña. Nesta proposta colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña, no caso dos concellos desta provincia que acollen a actividade.

Máis información no web institucional da Secretaria Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega.

Menús News node R