Cultura e Educación presenta en Cee ‘Acuario’, que está a chegar a concellos da Rede de Dinamización Lingüística co apoio da Deputación da Coruña

No marco do programa ‘FalaRedes 2013’ a actividade poderase ver o sábado á tarde nesta localidade, cun pase ás 18:00 horas no salón de actos do Concello

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colaboran para levar o espectáculo poético-teatral a 30 concellos ata finais de ano

Mér, 27/11/2013 - 13:50
Valentín García Gómez presentou esta mañá en Cee a actividade de dinamización li
Valentín García Gómez presentou esta mañá en Cee a actividade de dinamización lingüística “Acuario”

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio do secretario xeral de política lingüística, Valentín García Gómez, presentou esta mañá en Cee a actividade de dinamización lingüística “Acuario”, que chegará á localidade coruñesa esta fin de semana no marco da itinerancia que está a ter en 30 localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia a través do programa “FalaRedes 2013”. “Acuario”, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, conta co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e tamén coa da Deputación da Coruña no caso dos concellos desta provincia incluídos na actividade.

No acto de presentación, que tivo lugar na Casa do Concello, acompañaron o secretario xeral Zaira Rodríguez, alcaldesa da localidade e deputada provincial de Normalización Lingüística; a escritora e comunicadora ceense María Canosa, protagonista do espectáculo; e Miguel Toval, responsable de Edicións Embora, empresa xestora da actividade.

‘Acuario’ en 30 concellos da RDL ata decembro

“Acuario” é unha divertida peza teatral baseada no poemario homónimo de María Canosa coa que os nenos de 5 a 8 anos coñecerán os peixes das nosas rías e peixarías e mais os seus nomes. Encárgase da posta en escena a propia escritora acompañada polo elenco artístico do Teatro dos Ghazafellos, grandes profesionais para xente miúda.

O obxectivo de “Acuario” é que os máis pequenos da casa se acheguen á poesía en lingua galega á vez que aprenden os nomes dos peixes e descobren a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral. Todo isto faise dun xeito ameno e divertido grazas á presenza dos vistosos monicreques, dos actores que lle imprimen humor e dinamismo á actividade, da música e dunha escenografía sinxela e á vez atractiva.

O espectáculo chegará este sábado a Cee, cunha función no Salón de Actos do Concello ás 18:00 horas, e completará en decembro o calendario previsto con doce pases máis. A Deputación da Coruña colabora, en virtude da súa participación na RDL, coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para levar “Acuario” aos concellos de Neda, A Laracha, A Coruña, Ponteceso, Cerceda, Ordes, Pontedeume, Santiago de Compostela, Cee, Negreira, Muxía, Muros, Cabana de Bergantiños, Aranga, Dodro, Boqueixón, Melide, A Baña, Corcubión e Curtis.

‘FalaRedes 2013’

“Acuario” é unha das cinco propostas que compoñen a segunda edición do exitoso programa de dinamización lingüística “FalaRedes”, que despregará ata final de ano un total de 130 actividades polos concellos da RDL. Ademais do pase de “Acuario” previsto para esta fin de semana en Cee, o domingo, 1 de decembro, volve aos concellos da RDL o musical “A nena e o grilo nun barquiño”, da man do compositor Magín Blanco.

Poderase gozar ese día nos concellos pontevedreses de Redondela e de Caldas de Reis con senllos pases ás 12:00 horas, no Auditorio da Xunqueira, e ás 18:30 horas, no Auditorio Municipal, respectivamente. As seguintes localidades serán, tamén en decembro, O Carballiño, Malpica de Bergantiños e Cerceda.

Toda a información e o calendario completo de “FalaRedes 2013” en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e tamén nas redes sociais.

Menús News node R