A Consellería de Cultura e Educación participa na inauguración do V encontro galego de Escolas Asociadas da UNESCO

En Galicia conforman a rede 14 centros educativos

Este ano conmemórase ademais o sesenta aniversario do Plan que vincula a estas escolas coa Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura

Lun, 25/11/2013 - 13:41
 A Consellería de Cultura e Educación participa na inauguración do V encontro ga
A Consellería de Cultura e Educación participa na inauguración do V encontro galego de Escolas Asociadas da UNESCO

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; participou hoxe na inauguración do V encontro galego de Escolas Asociadas da UNESCO (redPEA) – en Galicia un total de 14 centros- , un acto celebrado no Pazo da Cultura de Pontevedra no ano no que ademais se conmemora o 60 aniversario do plan que vincula a estes centros educativos á Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura.

Durante a súa intervención o director xeral salientou o compromiso dos centros que conforman a rede “por unha educación de calidade inclusiva, igualitaria, comprometida co entorno e con capacidade para transformar a sociedade”. Neste sentido lembrou que os membros galegos da redPEA acumulan un número grande de  recoñecementos autonómicos, estatais e internacionais “e son un exemplo a seguir polo resto das escolas galegas”.

O director xeral sinalou o encontro como un medio ·para que conceptos como mobilidade, formación integral do alumnado, interculturalidade, ou implicación do profesorado, sexan moito máis e se convertan, en estímulos positivos e en realidades de éxito·. Deste xeito felicitou ao alumnado, aos docentes e as familias acompañantes “por tanto empeño e tanta ilusión” no traballo que desenvolven “para coñecer, preservar e legar ás xeración futuras a diversidade natural e cultural do planeta”.

Ata o vindeiro mércores 27, e baixo o lema ’60 anos de Educación en Liberdade’, os asistentes ao encontro – están previstos máis de 150 alumnas e alumnos acompañados dos seus profesores- compartirán actividades educativas e lúdicas, nun contexto para o intercambio de experiencias e proxectos.

A rede galega de Escolas Asociadas da UNESCO está conformada por 14 centros educativos de infantil, primaria, secundaria e mesmo un conservatorio profesional – o da cidade do Lérez-, que no seu día a día traballan en iniciativas en prol do diálogo internacional e intercultural e o ensino de calidade. O obxectivo da rede a nivel mundial é educar aos mais novos en valores para conseguir a paz e o desenvolvemento sostible, tal e como quedou reflectido no foro internacional celebrado no mes de setembro en Corea para conmemorar o 60 aniversario da redPEA. Nado en 1953, o plan conta xa coa implicación de máis de 9.500 institucións educativas de 180 estados de todo o mundo, que comparten proxecto e iniciativas cos que os máis novos, apoiados polos docentes, buscan solucións coas que mellorar o estado dos dereitos humanos, a comprensión entre as diferentes culturas, ou a protección do medio ambiente, entre outros retos de futuro.