Cultura e educación presenta ‘Acuario’ en Santiago de Compostela

A actividade de ‘FalaRedes’ destinada a concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia fará parada o domingo pola mañá na capital galega e poderase gozar, de balde, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia

María Canosa e o elenco artístico do Teatro dos Ghazafellos combinan poesía, teatro e monicreques para achegarlle o idioma ao público familiar

Mér, 20/11/2013 - 13:00
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe en S
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe en Santiago de Compostela “Acuario”

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe en Santiago de Compostela “Acuario”, unha das cinco propostas que está a despregar no marco do programa de dinamización lingüística “FalaRedes 2013”, destinado aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

García Gómez estivo acompañado durante a presentación pola concelleira de Normalización Lingüística compostelá, Rebeca Domínguez Iglesias; polo responsable de Edicións Embora (empresa xestora da actividade), Miguel Toval, e mais pola escritora e comunicadora María Canosa, que protagoniza a peza poético teatral canda o elenco artístico do Teatro dos Ghazafellos.

“Acuario combina poesía, teatro e monicreques nunha proposta que quere axudar a espertar na xente máis miúda o afecto pola lingua descubríndolle outros xeitos de achegarse ao mundo desde o galego”, explicou o secretario xeral, que destacou a colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e tamén a da Deputación da Coruña, no caso dos concellos desta provincia incluídos na itinerancia da actividade, no financiamento do proxecto, que está a chegar desde outubro ata finais de ano a un total de 30 localidades da RDL.

María Canosa e o Teatro dos Ghazafellos

O espectáculo teatral “Acuario” toma como punto de partida o libro homónimo de María Canosa para trasladar ao público ao fondo dun inmenso acuario cheo de palabras que, como pano de fondo e con música en directo, moito humor e monicreques, lle achega ao público infantil de 5 a 8 anos a riqueza lingüística, biolóxica e gastronómica do litoral galego.

Logo de dar comezo en Neda un longo itinerario no que xa leva percorridas as localidades de Lobios,  A Laracha, A Coruña, Celanova, Castrelo de Miño, Ourense, Ponteceso (en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal), Cerceda, Ordes, A Bola e A Peroxa, chegará este fin de semana a outros cinco concellos.

Os anfitrións serán, amais de Santiago de Compostela, que acollerá a actividade o vindeiro domingo 24, ás 12:00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia; os de Pontedeume, o venres 22 na Casa da Cultura, ás 11:00 horas; Castro de Rei e Cospeito, o sábado 23 (ás 16:30 horas no Centro Sociocultural de Ribeiras de Lea e mais ás 19:00 horas na Casa da Cultura, respectivamente); e Cotobade, o domingo 24 ás 17:00 horas no ximnasio do IES.

“Acuario” chegará, ata finais de ano, a outras 13 localidades facendo paradas en Cee, Negreira, Muxía, Muros, Cabana de Bergantiños, Aranga, Dodro, Boqueixón, Melide, A Cañiza, A Baña, Corcubión e Curtis. Como todas as actividades de “FalaRedes 2013”, a entrada en “Acuario” é balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información sobre o programa en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013e nas redes sociais.

Menús News node R