Xesús Vázquez Abad entrega os premios de Nós tamén creamos!, o certame escolar audiovisual de dinamización lingüística

Outorgáronse catro premios e catro mencións especiais do xurado a curtas de animación en galego realizadas coa técnica stop-motion por alumnado e profesorado de infantil e primaria

Xa está en marcha a terceira edición do programa, que se desenvolverá no marco do novo Plan Proxecta 2013/2014 impulsado pola Consellería de Cultura e Educación

Ven, 15/11/2013 - 12:22
 Xesús Vázquez Abad entrega os premios de Nós tamén creamos!, o certame escolar
Xesús Vázquez Abad entrega os premios de Nós tamén creamos!, o certame escolar audiovisual de dinamización lingüística

Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, entregou esta mañá, no auditorio do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), os premios a curtas de animación en galego realizados coa técnica stop-motion no marco do programa de dinamización lingüística “Nós tamén creamos!”

O conselleiro expresou a súa satisfacción porque as curtas presentadas ao concurso, tanto as gañadoras coma outras moitas de calidade elaboradas polos 60 centros participantes, mostran que se alcanzaron os obxectivos para os que foi deseñado “Nós tamén creamos!”: incentivar o uso do galego nos colexios en novos espazos e soportes, favorecer a innovación no ensino-aprendizaxe de linguas, promover unha relación positiva dos rapaces co noso idioma ou fomentar a lectura e mais a creatividade en galego, entre outros. Deste xeito o conselleiro destacou que “todos os traballos presentados ao concurso, e nomeadamente os premiados, son mostra do voso esforzo, do voso bo facer e da calidade da educación na nosa comunidade”.

Ademais, Vázquez Abad tivo palabras de agradecemento para a Compañía Radio-Televisión de Galicia e para OQOeditora, coorganizadoras do programa.

Alumnos e docentes

Ademais resaltou o traballo do alumnado e docentes participantes no proxecto, nomeadamente os integrantes dos equipos de dinamización da lingua galega, a quen animou a seguir traballando na mesma liña, “porque Nós tamén creamos! será verdadeiramente produtivo se marca o inicio dun camiño. Agradézovos o xeneroso esforzo que esta primeira etapa da andaina vos supuxo, pois ben sei que vos implicastes totalmente nesta empresa. Quero facer unha mención especial para o profesorado que integra os equipos de dinamización da lingua galega, polo seu impulso a este e a outros proxectos educativos innovadores no noso idioma”.

Ao acto de entrega dos premios Nós tamén creamos! asistiron, a canda o conselleiro de Cultura e Educación, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Manuel Vila,  subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado; Rosa Vilas, directora-xerente da Televisón de Galicia e Eva Mejuto, representante de OQOeditora.

Asistiu tamén unha ampla representación de profesorado e de alumnado participante na elaboración das curtas premiadas ou que recibiron mención, así como pais e nais destes estudantes. Os encargados de conducir o evento foron os actores Fran Rei e Pedro Brandariz, integrantes do dúo Os Sete Magníficos máis Un, que fixeron as delicias dos rapaces cunha representación chea de humor.

Catro curtas gañadoras

Na modalidade de educación infantil o traballo seleccionado polo xurado de Nós tamén creamos! foi “A Escaleira”, do CEIP Víctor López Seoane da Coruña. No primeiro ciclo de primaria, o centro galardoado foi o CEIP A Lama, cunha curta de igual título. No segundo ciclo, o premio outorgóuselles ex aequo ao CEIP de Merza (Vila de Cruces) polo traballo Troco e ao CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño) por “Ernesto bo día”. Todas estas curtas de animación poden verse no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, http://www.xunta.es/linguagalega/nos_tamen_creamos, e mais na sección infantil do web da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), http://www.crtvg.es/infantil/nos-tamen_creamos.

Os colexios galardoados recibiron un lote de libros de OQOeditora, unha pantalla de plasma cedida pola CRTVG e un diploma acreditativo expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais, o profesorado implicado na elaboración das curtas recibiu unha certificación de Premio de Innovación Educativa.

Mencións especiais pola alta calidade

A elevada calidade dos traballos presentados levou o xurado dos premios Nós tamén creamos! a outorgar mencións especiais por segundo ano consecutivo. Foron merecentes delas as curtas “A noite das mudanzas”, do CEIP Bergantiños de Carballo, pola expresividade e a espontaneidade lingüísticas, así como pola composición estética; “Pilú, Pilú” do CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira de Ferrol, pola adaptación musical e a orixinalidade plástica; “A escaleira”, do CPI Cabo da Area, de Laxe, pola adaptación da obra orixinal, e “Ernesto Bo Día” do CEE Vilagarcía de Arousa, pola calidade plástica e estética. Estas curtas están tamén accesibles nos webs indicados arriba.

Programa de dinamización lingüística

O concurso Nós tamén creamos! enmárcase nun programa de dinamización lingüística que leva o mesmo nome, iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Con ela colaboran a CRTVG e OQOeditora para formar e asesorar a profesorado de 60 centros educativos co fin de que estes realicen con alumnado de 3 a 9 anos curtas de animación en galego baseadas en contos fornecidos pola citada editorial.

A Consellería dirixida por Vázquez Abad recoñeceulles 12 horas de formación do profesorado aos docentes participantes na elaboración de calquera das curtas de animación realizadas no marco deste programa que cubrisen uns mínimos de calidade.

Nós tamén creamos! dálle continuidade ao programa iniciado no curso 2010-2011 no marco do que todas as aulas de infantil dos centros escolares de Galicia recibiron tres curtas en galego acompañadas de cadansúa unidade didáctica. No curso 2011-2012, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu un paso máis na iniciativa co fin de converter o alumnado, non só en receptor de cine en galego, senón tamén en creador.

Xa está en marcha a terceira edición do programa de elaboración de curtas, este ano inserido no Plan Proxecta, o que permite incrementar as horas de formación do profesorado e o tempo con que contan os centros para a elaboración das curtas.