O novo sistema de xestión dos comedores escolares permite que máis do 78% dos comensais teñan o servizo totalmente gratuíto, superando as previsións da Consellería de Cultura e Educación

Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia garante a gratuidade para as familias que máis o necesitan, grazas á colaboración dos usuarios que dispoñen de máis recursos económicos

Desde o curso 06/07 o orzamento da Xunta en comedores incrementouse en máis de 15 millóns de euros, e no 2014 incrementarase un 3,3% máis

Xov, 14/11/2013 - 18:00
 O novo sistema de xestión dos comedores escolares permite que máis do 78% dos c
O novo sistema de xestión dos comedores escolares permite que máis do 78% dos comensais teñan o servizo totalmente gratuíto, superando as previsións da Consellería de Cultura e Educación

O novo sistema de xestión dos comedores escolares permite que este curso máis do 78% dos comensais teñan o servizo totalmente de balde, mesmo superando as previsións iniciais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Así o expresou hoxe o seu secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, que na súa intervención na Comisión 4ª do Parlamento debullou os datos dispoñibles cando xa se introduciron na aplicación disposta para tal efecto o 98,94% dos datos.

Segundo expuxo o secretario xeral técnico, cos datos introducidos na aplicación, o 78,11% dos usuarios teñen o comedor escolar de balde, sen pagar nada. Asemade, un 5,48% pagan 1 euro ao mes, é dicir, que o 83,59% dos comensais utilízano totalmente de balde ou pagando tan só un euro. Respecto dos que achegan 2,5 euros por día de uso do comedor, representan o 3,36%; mentres que os que aboan 4,5 euros, de acordo coa súa capacidade económica, son o 11,97%. Oitavén quixo ademais salientar que estes prezos públicos inclúen, ademais do custo do menú, os do persoal implicado na prestación do servizo.

Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia garante a gratuidade para as familias que máis o necesitan, grazas á colaboración dos usuarios que dispoñen de máis recursos económicos, un sistema que o secretario xeral tal, e como explicou o secretario xeral técnico, axustado á legalidade, máis xusto e equitativo e que permite asumir progresivamente e de xeito voluntario aos comedores xestionados polas ANPAS. Oitavén lembrou ademais que o novo modelo de xestión corrixe as deficiencias do decreto de comedores do Bipartito, que establecía un modelo “absolutamente inxusto porque non se baseaba na capacidade económica das familias”.

Altas porcentaxes de gratuidade

Tal e como explicou o representante de Cultura e Educación, as porcentaxes de gratuidade total elévanse nalgunhas comarcas – especialmente nas rurais- ao 90,43% (Baixa Limia), 89,66% (A Paradanta), 87,26% (Ancares), ao 86,60% na comarca de Pontevedra, que inclúe concellos como Cotobade, A Lama ou Pontecaldelas. Tamén sinalou os casos de outras zonas rurais como a comarca do Deza, cunha porcentaxe do 85,94% de usuarios do servizo de balde, da Limia (86,24%) ou de Terra de Caldelas (81,39%).

Neste momento na aplicación informática de comedores aparecen 12 centros no que o 100% dos usuarios son gratuítos, mentres que en 71 centros educativos a porcentaxe de gratuidade movese entre o 90 e o 98,59%, en outros 143 entre o 80 e o 89,20%; e en 116 centros máis as porcentaxes de non pagamento oscilan entre o 70 e o 79,91%. Tan só en 64 os centros se baixa do 70 % de gratuidade segundo os datos dispoñibles. “En resumo, no 55,7 por cento dos centros que teñen comedor escolar os alumnos que son usuarios gratuítos son mais do 80%”, salientou o secretario xeral.

Maior esforzo económico da Xunta

Ademais do novo sistema, o secretario xeral técnico salientou o importantísimo esforzo económico que o departamento educativo da Xunta está a realizar para incrementar o número de prazas nos comedores escolares xestionados pola Administración pública. Neste sentido lembrou que desde o curso 2006/2007 ata o actual o incremento do esforzo orzamentario da Xunta de Galicia relativo ao comedor escolar se incrementou en 15.698.407 euros. “Como saben, pola recente comparecencia dos orzamentos de 2014, o importe que se destinará o próximo ano ascende a 28.766.509 euros, por tanto, cun incremento adicional do 3,3 por cento”, engadiu.