A Consellería de Cultura e Educación confirma o correcto desenvolvemento do protocolo de colaboración con Castela e León para a promoción da lingua galega nesa comunidade

Grazas a este protocolo máis de mil estudantes das zonas limítrofes do Bierzo e de Sanabria poden acceder aos estudos de galego, tanto nos centros educativos como na Escola de Idiomas de Ponferrada

Os escolares completan a formación con estadías de reforzo que se realizan en campamentos xuvenís e con outra serie de actividades didácticas

Xov, 07/11/2013 - 18:30
A Consellería de Cultura e Educación
A Consellería de Cultura e Educación confirma o correcto desenvolvemento do protocolo de colaboración con Castela e León para a promoción da lingua galega nesa comunidade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, mantiveron hoxe un encontro con representantes do departamento educativo de Castela e León, no que se confirmou o correcto desenvolvemento do protocolo de colaboración vixente entre ambas as dúas comunidades para a promoción da lingua galega nos territorios limítrofes das zonas do Bierzo e de Sanabria.

Así, durante a reunión mantida na Cidade da Cultura con Fernando Sanchez-Pascuala, director xeral de Política Educativa Escolar da Consejería de Educación, e con outros representantes da Dirección Xeral de FP da Comunidade castelá, deuse conta da actual situación do acordo e confirmouse que no presente curso educativo 838 estudantes de infantil e de primaria están a recibir aulas de galego nos municipios de Lubián, Cacabelos, Camponaraya, Carucedo, Corullón, Ponferrada, Puente de Domingo Flórez, Toral de los Vados, Toral de Merayo e Villafranca. Asemade, 181 alumnas e alumnos de ESO e de Bacharelato están matriculados en institutos de Cacabelos, Ponferrada e Villafranca del Bierzo. Xunto a eles, outros 59 estudantes están matriculados na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

Acordo educativo

Deste xeito, un total de 1.078 alumnos benefícianse actualmente do acordo vixente desde hai doce cursos e polo que a Consellería de Cultura e Educación se comprometeu a facilitar o material didáctico preciso, así como colaborar na formación do profesorado contratado por Castela e León a través dos Centros de Formación e Recursos e no acceso aos contidos da páxina web, dependentes ambas da Consellería. Pola súa banda, a Junta mantén o compromiso de dotar os centros educativos dos docentes necesarios para impartir as clases a todo o alumnado que así o demande.

No encontro de traballo, os responsables abordaron propostas arredor deste protocolo de colaboración, entre as que se atopa a visita que todos os anos realiza o estudantado de galego de Castela e León a campamentos xuvenís.

Actividades complementarias

Grazas a esta estadía, que inclúe diferentes actividades culturais co obxectivo de favorecer o contacto directo do alumnado coa lingua galega e de complementar os seus coñecementos na lingua e cultura propias de Galicia, máis dun centenar de rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos, así como profesores e profesoras que imparten docencia nos centros educativos adscritos ao Programa, residen durante dous días en Galicia participando en diferentes iniciativas culturais que lles permiten poñer en práctica a competencia lingüística adquirida e achegarse de primeira man á cultura galega.

Por medio deste Programa de promoción do galego en Castela e León, o alumnado dos centros participantes opta, se así o desexa, a recibir docencia co galego como lingua vehicular na área de Descubrimento físico e social e na de Identidade e autonomía persoal, na etapa de infantil; na de Coñecemento do entorno e na de Educación artística, en primaria; e na de Ciencias sociais, xeografía e historia, en secundaria.

Na reunión de hoxe, Valentín García sinalou que estas actividades se realizarán un ano máis e anunciou novas propostas co obxectivo de que o estudantado poida ter novas oportunidades de integración a través de actos vencellados á celebración do Día das Letras Galegas.

Certificacións oficiais

Ao estudantado que finaliza o Programa de ensino en galego na ESO e en bacharelato recoñécenselle os niveis oficiais de Certificación do coñecemento en lingua galega (Celga) 2 e 3, respectivamente, o que lles supón a estes participantes unha vantaxe de cara á súa traxectoria profesional e laboral, tanto mediante a competencia en lingua galega como a través das posibilidades que o galego lles ofrece como ferramenta de comunicación cos países lusófonos.

Neste punto, o secretario xeral de Política Lingüística recordou que este verán xa se anunciaron as liñas básicas do proxecto de Orde sobre as validacións do sistema de certificación de galego adaptado ao Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas(MECRL). En virtude del, reaxustarase e actualizarase a regulamentación da acreditación oficial dos niveis do Celga, logo de seis anos da súa posta en marcha, sendo unha das novidades salientables a posibilidade de poder solicitar a acreditación oficial dos niveis Celga correspondentes o alumnado que cursase estudos regrados de lingua galega en centros de ensino secundario e en escolas oficiais de idiomas de fóra de Galicia.

Menús News node R