Cultura e Educación celebra a Semana da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego nun acto académico con alumnado de bacharelato

O presidente en funcións da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos, disertou sobre a historia da ciencia en Galicia, mentres que e o escritor Xosé Neira Vilas glosou a figura de Isaac Díaz Pardo, a quen se lle dedica este ano a celebración

A Consellería estivo representada polo secretario xeral de Política Lingüística, nun acto organizado en colaboración co Instituto Xelmírez I de Santiago

Mér, 06/11/2013 - 14:42

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrou un ano máis a Semana da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego. Fíxoo cun acto académico no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago dirixido a alumnado de bacharelato ao que asistiu o secretario xeral de Política Lingüística en representación do departamento dirixido por Vázquez Abad. Xunto a Valentín García estiveron na mesa o director do centro, Manuel Portas; a coordinadora dos equipos de dinamización da lingua galega dos colexios e institutos de Galicia, Xulia Marqués, e os dous conferenciantes: Miguel Ángel Ríos, presidente en funcións da Real Academia de Ciencias de Galicia, e Xosé Neira Vilas, escritor e académico da lingua galega que coñeceu persoalmente o homenaxeado deste ano, Isaac Díaz Pardo.

Na súa intervención, Valentín García destacou a validez da lingua galega para desenvolver calquera actividade, incluídas a pescuda ou a divulgación científica, e avogou por unir o galego ao prestixio da ciencia e da tecnoloxía.

Relatorios de ciencia e de tecnoloxía

Miguel Ángel Ríos, presidente en funcións da Real Academia Galega de Ciencias, fixo para o alumnado de bacharelato do Instituto Xelmírez I un percorrido pola historia da ciencia en Galicia, repasando as súas figuras senlleiras e a contribución por elas feita ao avance do coñecemento.

O escritor Xosé Neira Vilas encargouse de abordar a figura do homenaxeado este ano con motivo da Semana da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, Isaac Díaz Pardo, con quen mantivo unha longa amizade e con quen colaborou intensamente ao longo de moitos anos. O escritor centrouse nun dos aspectos menos coñecidos da polifacética figura de Díaz Pardo, a de deseñador de máquinas industriais, da que o autor de “Memorias dun neno labrego” foi testemuña cando ambos residían en Bos Aires e o homenaxeado creou a súa primeira fábrica de cerámicas.

Na conferencia de Neira Vilas houbo espazo para anécdotas ata hoxe nunca contadas sobre o empresario, artista e deseñador industrial a quen se lle dedica este ano a Semana da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego: o episodio, descoñecido, en que Xosé Neira actuou de intermediario entre o Che Guevara e Isaac para montar unha fábrica de cerámicas en Cuba, proxecto finalmente non consumado.

Díaz Pardo, científico e tecnólogo

Isaac Díaz Pardo, habitualmente lembrado como artista e editor, presenta tamén unha importante faceta orientada á ciencia e á tecnoloxía. Aprendeu a técnica da porcelana cando estudaba Belas Artes en Madrid e iniciou as súas propias investigacións xa polo ano 1947. Creou fórmulas propias de vidrados da porcelana, deseñou un muíño para moer as pastas e unha amasadora ao baleiro. Cando estaba na Arxentina, as súas investigacións permitíronlle construír un forno de sete metros de longo cun só queimador, o que supuxo un aforro de combustible sen precedentes. Esta e outras moitas creacións súas están patentadas.

En relación a Sargadelos, elaborou novas fórmulas de pastas para aplicar o azul cobalto propio destas cerámicas, inventou mesas rotantes de produción, colado etc. e creou máquinas que non existían no mercado e que constituíron, nalgún caso, unha auténtica revolución técnica. Grazas a el,  Sargadelos conta cunha tecnoloxía propia e moderna.

Na orde específicamente científica foi impulsor das ciencias en Galicia. Creou un novo Seminario de Estudos Galegos e constituíu nel departamentos de ciencias biolóxicas, de ciencias mariñas, de ciencias agrarias etc. Tamén puxo en marcha o Laboratorio de Formas, con edificio propio ao pé da fábrica, e colaborou coa Universidade de Santiago na posta en marcha do Instituto de Cerámica. Os traballos de varias destas institucións, moitos deles de relevancia internacional, foron publicados por Edicións do Castro, empresa da que Isaac era director.

Isidro Parga Pondal -que, tras ser depurado como catedrático en Santiago, puxera en marcha en Laxe un laboratorio de xeoloxía-  cedeulle a Isaac Díaz Pardo todos os seus libros e papeis, así como centos de mostras de minerais galegos. Con estes fondos, creouse no Castro unha fundación co seu nome e, coincidindo coa inauguración, Díaz Pardo organizou un congreso internacional de xeoloxía que, entre outros traballos, deu á luz un mapa xeolóxico do noroeste ibérico.

Ciencia e tecnoloxía en galego

No ano 2001, a UNESCO decidiu declarar o 10 de novembro como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento coa finalidade de, por unha  banda, promover a utilización responsable da ciencia en beneficio das sociedades e, nomeadamente, na erradicación da pobreza e a prol da seguridade humana; por outra, conseguir unha maior conciencia social da importancia da ciencia e a redución da fenda existente entre a ciencia e a sociedade.

Dende hai catro anos, a celebración da UNESCO foi adoptada nos centros educativos galegos como Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego. O obxectivo principal desta efeméride, en consonancia co achegamento entre lingua e sociedade e mais co papel da ciencia a prol do desenvolvemento humano que propugna a UNESCO, é o de mostrar que a lingua galega é útil para facer ciencia e, no eido do ensino, para impartir as materias científico-técnicas.

Menús News node R

Ensinanza