A Consellería de Cultura e Educación salienta o papel do profesorado como peza clave no éxito escolar na clausura das XVII Xornadas de ANPE Lugo
O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa participou hoxe no peche deste encontro, ao que asistiu o presidente nacional do sindicato docente, Nicolás Fernández Guisado
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria – representada no seu director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira-, salientou hoxe o papel clave do profesorado no éxito escolar no marco do acto de clausura das XVII Xornadas de ANPE Lugo, que se celebraron na Facultade de Formación do Profesorado da cidade da Muralla.
Durante a súa intervención o director xeral reiterou o compromiso da Consellerías pola actualización permanente dos coñecementos dos docentes, un labor que o departamento educativo da Xunta de Galicia desenvolve a través do Plan Anual de Formación do Profesorado. A este respecto Manuel Corredoira explicou que a Consellería vén de subscribir convenios de colaboración con 8 entidades - entre as que se atopa o propio sindicado ANPE- co fin de desenvolver actividades para a actualización permanente dos coñecementos dos docentes, que se incluirán no devandito Plan.
Ao abeiro da sinatura destes acordos levaranse a cabo 115 actividades, o que supón máis de 2000 horas de formación para o profesorado. Desta forma Cultura e Educación continúa a apostar por unha liña de actuación á que dedicou a pasada lexislatura 60 millóns de euros. Cómpre sinalar que as actividades gratuítas organizadas en exclusiva pola Consellería - que supoñen o 90% do total- ascenderon nese período a preto de 7.000. En total, nos últimos catro cursos impartíronse ao abeiro dos plans de formación da Consellería un total de 254.607 horas de formación para o profesorado, e emitíronse 119.430 certificados a docentes. Ademais nos últimos catro anos Cultura e Educación concedeu un total de 4.084 licenzas por formación a docentes.
Implicación da comunidade educativa
O director xeral sinalou ademais a importancia da implicación do conxunto da comunidade educativa na loita contra o fracaso escolar e contra as situacións de acoso escolar.
Neste sentido lembrou que a Consellería está a tramitar o Decreto polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa; que complementa ao Protocolo xeral de prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar, presentado o pasado mes de maio. Deste xeito péchase o desenvolvemento da Lei de Convivencia, despois de ter dotado ao sistema educativo galego de ferramentas para que os centros escolares podan desenvolver a súa actividade nun clima de convivencia axeitado insistindo nas medidas de detección, prevención e reeducación.
Manuel Corredoira recordou ademais que a Consellería está a traballar nun protocolo de absentismo que considere dúas vertentes,a da prevención do mesmo, tratando de manter ao alumnado no sistema educativo; e a do control da asistencia a clase do alumnado. Respecto disto sinalou como fundamental a coordinación de todos os axentes involucrados, así como a permanente comunicación coas familias.
As xornadas
As XVII xornadas de ANPE Lugo contaron coa participación do presidente nacional do sindicato docente, Nicolás Fernández Guisado. Ademais, o presidente a nivel Galicia, Julio Díaz Escolantes, impartiu esta mañá un relatorio arredor da normativa e actualidade da educación na nosa Comunidade. O programa contou ademais coa conferencia do conselleiro de Educación en Bélgica, Países Baixos e Luxemburgo do Ministerio de Cultura, Educación y Deporte, José Luis Mira.
No acto de clausura participaron ademais a delegada da Xunta na provincia, Raquel Arias; o xefe territorial da Consellería en Lugo, José Jesús Ramos Ledo; o decano da Facultade da Formación do Profesorado, Francisco Lestegas; e o presidente de ANPE Lugo, Román Fernández Freire.