A Xunta aposta polo emprendemento como unha ferramenta para a empregabilidade xuvenil a través do Plan Eduemprende

Os conselleiros de Cultura e Educación e de Economía e Industria asinaron hoxe un novo protocolo de colaboración para a promoción da cultura emprendedora e da creación de empresas entre o alumnado non universitario galego

Nos tres anos de funcionamento do Eduemprende desenvolvéronse actividades de difusión, formación, apoio e asesoramento dirixidas a máis de 50.000 alumnos

A futura Lei do Emprendemento de Galicia dálle carácter prioritario ás medidas no ámbito educativo no deseño de políticas de fomento do espírito emprendedor

Lun, 21/10/2013 - 13:35
Xesús Vázquez e Francisco Conde na sinatura do convenio
Xesús Vázquez e Francisco Conde na sinatura do convenio

Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; e de Economía e Industria, Francisco Conde; asinaron hoxe un novo protocolo de colaboración para a promoción e implantación da cultura emprendedora, a creación de empresas e a mellora da empregabilidade entre o alumnado dos niveis educativos non universitarios do sistema educativo de Galicia a través do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia ‘Eduemprende’, no marco do cal ambas as consellerías xa viñan colaborando. Desta forma, a Xunta de Galicia dá un paso máis na súa aposta polo espírito emprendedor como ferramenta para que as mozas e mozos de Galicia poidan acceder a un posto de traballo nestes momentos de dificultades económicas.

Ao abeiro do protocolo asinado hoxe no CIFP Politécnico de Santiago, Cultura e Educación - a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa- e Economía e industria - por medio do IGAPE- promoverán a participación dos centros educativos non universitarios nas actividades que se desenvolvan no marco do Eduemprende. Nos seus tres anos de funcionamento desenvolvéronse actividades de difusión, formación, apoio e asesoramento dirixidas a máis de 50.000 alumnas e alumnos. Asemade, máis de 2.250 profesores e profesoras participaron en xornadas de formación e na coordinación das distintas actividades.

O espírito emprendedor desde a escola

Tal e como sinalou o conselleiro de Cultura e Educación, “emprendemento significa ideas novas, ilusión, risco e, sobre todo, esforzo e paixón polo proxecto que se quere sacar e adiante. Na Xunta de Galicia estamos convencidos de que este espírito debe formar parte tamén das competencias que se ensinan aos cidadáns do mañá desde as etapas máis temperás da súa educación, aproveitando ademais que son precisamente os máis novos os que teñen máis vivas a ilusión e a emoción polos novos retos”. Neste sentido agradeceu á Consellería de Economía e Industria a súa colaboración, “poñendo a disposición dos centros educativos galegos, e o máis importante, do seu alumnado, todas as ferramentas e actuacións que está a desenvolver para impulsar o espírito emprendedor como unha forza imprescindible para que Galicia saia da crise con éxito”.

Pola súa parte, o conselleiro de Economía e Industria salientou o papel fundamental que desenvolve o ensino no fomento da cultura emprendedora, apuntando que “se falamos de emprendemento estamos a falar de talento, de creatividade e de iniciativa”, sinalando que “os mozos e mozas galegas son parte activa da nosa sociedade e necesitamos a súa forza para retomar o crecemento e xerar emprego”. Neste sentido, sinalou que a futura Lei do Emprendemento de Galicia lle dá unha importancia primordial ao ensino. Sinalou o conselleiro que esta norma se configura en torno a tres eixos fundamentais: os servizos, o impulso económico e a simplificación administrativa.

Neste eido, apuntou que non só se suprime, con carácter xeral, a necesidade de licenza municipal de obra e actividade,  suprimíndoa por unha comunicación previa ao concello, senón que, tal e como adiantou o presidente da Xunta no debate anual de política xeral, se contemplará a posibilidade de apertura automática, sen ter que agardar 15 días desde que se presente esta comunicación.

Na súa visita ao centro educativo, que conta cun viveiro de empresas, sinalou Francisco Conde que a Lei prevé tamén a posta en marcha dun censo de calidade deste tipo de infraestruturas, que facilitará ao emprendedor os recursos necesarios para desenvolver o seu proxecto, con información actualizada sobre as capacidades dos viveiros e os seus niveis de ocupación.  

Eixes de actuación

As actuacións do protocolo asinado hoxe desenvolveranse arredor dos catro eixes do Plan Eduemprende: Sensibilización e motivación, Capacitación emprendedora, Fomento e apoio da empresarialidade e Coordinación e aproveitamento de iniciativas.

No primeiro deles desenvolveranse medidas para que a comunidade educativa perciba a importancia de construír e fomentar a cultura emprendedora, para recoñecer na súa contorna actitudes e valores emprendedores, favorecendo a súa integración nos centros educativos e creando unha conciencia emprendedora. A partires diso, desenvolveranse as actuacións do segundo eixe, dirixidas á capacitación do alumnado en competencias emprendedoras, a través da información, a orientación e unha formación axeitada para cada nivel educativo. Incidirase, así mesmo, na dotación de recursos e formación do profesorado na procura dunha repercusión final no alumnado.

O eixe 3 centrarase no apoio ás actuacións que desenvolva o alumnado con habilidades emprendedoras, para a posta en marcha de proxectos empresariais viables e para a posta en práctica de ideas innovadoras de negocio; mentres que o 4 consistirá na difusión e  posta en valor das actividades que en materia de emprendemento sexan de utilidade para sistema educativo de Galicia que teñan un efecto de transversalidade sobre o conxunto de medidas do programa Eduemprende .

Percorrido por un centro de referencia

Tras a sinatura do protocolo, os dous conselleiros acompañados polo director do centro, José M. Leis Blanco, e pola subdirectora de FP da Consellería, María Eugenia Pérez;  realizaron un percorrido polo CIFP Politécnico de Santiago, un centro de referencia que ten recibido achegas de equipamento de importantes empresas co fin de que poida ofrecer a mellor formación ao seu alumnado.

Así, Xesús Vázquez e Francisco Conde tiveron a oportunidade de visitar a Aula de Eficiencia Enerxética, a primeira aula Schneider Electric de España instalada nun centro de FP. Cómpre sinalar ademais que o centro é un dos catro centros de FP de España que forma parte da Rede do programa T-TEP (Toyota Technical Education Program), a través da que se facilita ao alumnado materiais específicos da marca -en moitos casos aínda sen comercializar-, co obxecto de conseguir mediante e seu estudo un profundo coñecemento da tecnoloxía básica destes equipos. Para desenvolver este traballo, habilitouse no CIFP a Aula Toyota, á que se dotou tamén dun vehículo doado pola empresa para o estudo dos rapaces.

O percorrido polo CIFP incluíu tamén –entre outros espazos- a visita ao ‘Fogar Dixital’, unha reprodución dunha vivenda domótica onde o alumnado pode aprender a realizar a programación destes sistemas; e ao taller de ICT TECNOLOXÍA TELEVÉS.

Viveiro de empresa

Os conselleiros visitaron ademais o viveiro de empresa do CIFP Politécnico, que forma parte da rede de 14 viveiros que funcionarán este curso en centros educativos dependentes da Consellería de Cultura e Educación. Neste sentido cómpre lembrar que aos viveiros xa existentes este ano incorpóranse 5 novos – nos CIFP A Farixa (Ourense), A Carballeira (Ourense), A Xunqueira (Pontevedra), Ferrolterra (Ferrol) e As Mercedes (Lugo)-, ata completar a rede de 14. Desta forma contarán con viveiro neste curso, ademais dos devanditos, os CIFP Ánxel Casal (A Coruña), Politécnico de Santiago, Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), Politécnico de Lugo , Porta da Auga (Ribadeo), Portovello (Ourense), A Granxa (Ponteareas), Manuel Antonio (Vigo), e o IES Luís Seoane (Pontevedra).