‘Acuario’ e ‘As pombas de Carboeiro’ chegan a Lobios, Tui e Valga, dentro do ‘Falaredes 2013’ de Cultura e Educación

O programa de promoción do uso do galego prosegue o seu percorrido polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia ata decembro

Ven, 18/10/2013 - 19:15
Imaxe do espectáculo
Imaxe do espectáculo

As actividades de dinamización lingüística “Acuario” e “As pombas de Carboeiro” chegan esta fin de semana a Lobios, Tui e Valga, no marco do programa “FalaRedes 2013”, que organiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración cos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

‘Acuario’

En “Acuario” toman a palabra a coñecida escritora e comunicadora María Canosa e o elenco artístico do Teatro dos Ghazafellos para achegarlles mediante o humor, os monicreques e a música en directo poemas do libro homónimo, “Acuario”, a rapaces de 5 a 8 anos, nun espectáculo xestionado por Edicións Embora. Canda eles, a proposta pon en valor e dá a coñecer a riqueza lingüística, biolóxica e grastronómica do litoral galego.

O pase desta fin de semana terá lugar o sábado na localidade ourensá de Lobios, onde se poderá gozar no Edificio Multiúsos ás 12:30 horas. A entrada, como acontece con todas as actividades que ofrece a Secretaría Xeral de Política Lingüística dentro do programa “FalaRedes 2013”, é de balde ata completar a capacidade.

‘As pombas de Carboeiro’

O teatro, os monicreques e a música en directo volven ser os ingredientes principais doutra das cinco propostas de “FalaRedes 2013”: “As pombas de Carboeiro”, un espectáculo multidisciplinar que mestura lingua galega, dramaturxia e interpretación de pezas polas bandas municipais de música dos concellos anfitrións. Nela, o elenco artístico de “Fantoches Baj” coordínase e ensaia previamente cos integrantes máis novos das bandas de música locais, para que a xuventude entre deste xeito en contacto co galego por medio dunha das súas grandes afeccións.

As veciñanzas de Tui e de Valga poderán ver as súas respectivas bandas de música municipais en cadanseu pase durante a fin de semana. Na primeira das localidades será mañá, sábado, no Teatro Municipal, ás 20:00 horas. Na segunda o domingo, no Auditorio Municipal, ás 19:00 horas. A entrada é tamén de balde ata completar a capacidade.

Toda a información e o calendario completo de “FalaRedes 2013” está dispoñible en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013, así como nas redes sociais.

Menús News node R