O conselleiro de Cultura e Educación anuncia que se continuarán a facer melloras no espazo da cociña do CIFP Compostela, un centro de referencia nas ensinanzas de formación profesional

O departamento educativo da Xunta de Galicia vén de realizar melloras na cociña que agora se completarán co cambio do falso teito

Xesús Vázquez Abad percorreu as instalacións do centro educativo, no que a Consellería leva investidos máis de 88.000 euros en diversas reformas

Xov, 17/10/2013 - 18:45
 Xesús Vázquez Abad percorreu as instalacións do centro educativo
Xesús Vázquez Abad percorreu as instalacións do centro educativo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CIFP Compostela, onde comunicou futuras melloras relativas ao falso teito da cociña, ademais comprobou o resultado das últimas obras realizadas este ano polo seu departamento neste espazo. Durante o percorrido polo centro estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería na provincia de Coruña, Indalecio Cabana; e mais polo director do centro, Ramiro Esparís.

Respecto das obras, Xesús Vázquez explicou que o investimento realizado nos últimos anos supera os 88.000 euros. As melloras realizadas, ademais das da cociña, inclúen a reforma do peche, actuacións en teitos, instalación eléctrica, climatización e adecuación de espazos para o desenvolvemento das aulas de formación profesional axeitadas ás necesidades dos cursos e do alumnado.

Neste sentido o conselleiro salientou ao CIFP Compostela como un centro de referencia nas ensinanzas de Formación Profesional, o que queda demostrado na súa alta matrícula, de preto de mil alumnas e alumnos.

Participación en competicións

Cómpre recordar que este centro leva recibidos nos últimos anos premios nas competicións tanto dos Galicia, Spain Skills e o tamén participación nos WorldSkills. En todas estas competicións interviñeron alumnos na modalidade de competidores e titores como membros do xurado. Asemade na última edición das Galiciaskills 2014 o CIFP Compostela foi sede das competición e presidencia dos xurados dos skills en Servizo de restaurante e bar e o de pastelaría.

Convenios

Por outra banda o CIFP Compostela leva asinados diversos convenios e acordos coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria con incidencia nas ensinanzas de Hostalaría, sendo os máis recentes o convenio de colaboración en ensinanzas de FP coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), e o protocolo coa C.E.E.I: de Galicia S.A. para establecer un marco de actuación conxunta en favor do desenvolvemento do espírito emprendedor e a creación de empresas no ámbito educativo.

Ademais renováronse tanto o convenio coas universidades galegas para as validacións dos títulos académicos como o asinado coa Consellería de Traballo e Benestar para a coordinación da oferta educativa e o desenvolvemento dun programa de contratación.