A Consellería de Educación pon en marcha o primeiro premio dirixido a emprendedores galegos

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria entregou os galardóns do concurso ‘FP Idea’

Mér, 16/06/2010 - 15:12

Nove proxectos emprendedores resultaron premiados na primeira convocatoria do Programa IDEA, correspondente ao curso académico 2009-2010, convocados polas Consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, e de Economía e Industria. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou os premios, acompañado do director xeral de Educación, Formación Profesional e  Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema, e do director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Joaquín Varela de Limia Cominges. O acto desenvolveuse no marco dos eventos do Día do Emprendedor, que se celebran hoxe no Palacio de Congresos de Galicia, en Santiago de Compostela, organizados pola Consellería de Economía e o IGAPE.

Nesta primeira edición do certame foron convocadas dúas categorías. Na modalidade A, ‘Proxecto de empresa’, á que se presentaron 28 proxectos, o primeiro premio foi para o proxecto ‘CEE Asesoría Cosmos’, desenvolvido polos alumnos Marcos Rodríguez Freigedo e Ainhoa Fernández Escribano, do IES Portovello (Ourense), un traballo titorizado polo profesor Abel Ocampo Sánchez. Nesta mesma categoría o segundo posto foi para ‘Altrote’, das alumnas do IES Politécnico de Lugo Ruth Méndez López, Jessica Conde González, Paula Fernandez Castro, e Isabel Aldariz López, titorizadas por Jesús González Amillo. O terceiro premio foi para ‘Refugallos’, un traballo realizado baixo a titoría da profesora do Centro Integrado de FP de Someso (A Coruña) Carmen López Viña, polos alumnos Mónica Varela Foz e Pablo Rodríguez Capelet. Os galardoados nesta categoría recibirán un premio en metálico de 3.000; 2.000 e 1.000 respectivamente por cada unha das categorías e asemade poderán desenvolver os proxectos presentados e recoñecidos nos viveros de empresa da Consellería de Educación.

Na modalidade B, de ‘Idea innovadora para o desenvolvemento de proxectos’, á que se presentaron 15 proxectos, concedéronse seis premios, un por cada unha das áreas da convocatoria. Cada unha das ideas seleccionadas recibe un premio en metálico de 1.000 euros, e tamén a poderán desenvolver nos viveros de empresas dependentes da Consellería de Educación.

Deste xeito, na área de medio rural ou marítimo resultaron galardoados os alumnos Noé Fernández Fernández, Iván López Cabaleiros, e Marcos Fernández Sante, do IES As Mecedes (Lugo ), polo proxecto ‘Ecolactis’, realizado baixo a titoría de Alberto Pereira López. No mesmo IES, foi premiado ‘Hybrid cars’, proxecto de protección ambiental desenvolvido por Juan Andrés Pérez Sánchez e Gonzalo Rodríguez Francisco, titorizados pola profesora Guadalupe López Rodríguez. Por último neste centro tamén resultaron galardoados Luis Miguel Saa García, Diego Besteiro Mendoza e o profesor Manuel Pérez Álvarez, polo proxecto de pequeno comercio ‘Casa O Mosteiro, SL’.

Na área de Tecnoloxías da información e da comunicación, o traballo premiado foi ‘Dispositivos de seguridade en pasos de peóns’, titorizado pola docente do CIFP de Someso María Sanz Vázquez, e desenvolvido por Javier Carrión Rodríguez e Andrea Álvarez Lorenzo. Tamén na Coruña foi galardoado o proxecto de contorno industrial ‘Venda e reparación de táboas de surf’ , de Mónica Tuset Riotorto e Tania Puente Lamas

IES de Sabón, baixo a titoría de Eladio Suárez Debén. Respecto do sector servizos, recibiu o premio ‘Indecisos’, traballo de Manuel Chadi Hamade Longarela, e Diego Padilla Díaz, do IES Politécnico de Lugo, baixo a supervisión de Alicia Couso Arias.

O Programa IDEA, é unha actuación enmarcada no Proxecto FP-Plus. Articúlase como un concurso dirixido ao alumnado do derradeiro curso dos ciclos formativos de Formación Profesional de grao superior de Galicia. Con este programa, e mediante a concesión destes premios, a Consellería de Educación e o IGAPE potencian a realización de proxectos e impulsar o desenvolvemento de novas ideas empresariais, entre o alumnado da Formación Profesional.

Presenza no Día do Emprendedor

A Consellería de Educación participa de forma activa neste Día do Emprendedor, cunha serie de actividades en materia de formación e de difusión para dar a coñecer as actuacións que desde a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e  Innovación Educativa se están a desenvolver para o fomento da cultura emprendedora entre o alumnado.

Deste xeito, os interesados poderán acudir ao stand informativo sobre FP, que conta con todo o material divulgativo dos recursos que o alumnado dos ciclos formativos teñen á súa disposición. Así mesmo, durante a xornada haberá tres mesas de asesoramento sobre a rede de viveiros de empresas nos centros educativos, baixo o título ‘Emprende desde a rede de viveiros dos centros de FP’. Nelas os titores destes viveiros resolverán as dúbidas de alumnado e profesorado referentes ao seu funcionamento, recursos e requisitos de acceso.

Ademais, ao longo do día de hoxe impartiranse dous relatorio dirixidos ao colectivo docente, que xirarán arredor da ‘Orientación sobre avaliación de proxecto emprendedores feitos polo alumnado de FP’ e ‘O método de proxectos en Empresa e Iniciativa Emprendedora’.