O conselleiro de Educación entrega a un centro ferrolán o premio nacional da ONCE ‘Superamos barreras cada día’

Xesús Vázquez Abad recoñeceu o traballo desenvolvido polos estudantes do CEIP Belén Coop. na elaboración da portada dun relato xuvenil

Mér, 16/06/2010 - 15:04
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entre
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou a un centro ferrolán o premio nacional da XXVI edición do concurso escolar da Once, ‘Superamos Barreras cada día’

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou a un centro ferrolán o premio nacional da XXVI edición do concurso escolar da Once, ‘Superamos Barreras cada día’.

Nesta convocatoria resultou premiado o CEIP Belén Cooperativa, de Ferrol; co traballo ‘Os cinco de cuarto’, realizado polos estudantes de cuarto de primaria Inés Bouza Mirgade, Celia Gutiérraz Roméu, Iago Pérez Díaz, Sergio Martínez Bellas e Daniel Estévez Rouca, baixo a supervisión e coordinación da profesora Marina González Díaz.

No acto, celebrado na sede da ONCE en Ferrol, estiveron presentes o delegado territorial da entidade en Galicia, a presidenta do Consello Territorial e o director da Axencia ONCE en Ferrol, Eugenio Ferradás Moledo, Dolorez Venancio Vilaboy e Carlos Fernández Lemigueiro, respectivamente; e a concelleira de Educación en Ferrol, Mercedes Carbajales.

Un ano máis a ONCE achegou aos participantes- estudantes de entre 8 e 16 anos- á realidade das persoas con discapacidade. Para participar no concurso os participantes tiveron que ler cinco relatos breves sobre o labor social da ONCE, escritos por autores como Care Santos, Fernando Marías, ou José Ángel Mañas, e despois de escoller un deles tiveron que titulalo e deseñar unha portada.

Os premiados

Ademais, nesta edición tamén resultaron finalistas estudantes e profesores dos CEIP Nuestra Señora del Rosarío, de Jaén, co traballo ‘Os colores villariegos’; e o centro Nuestra Señora del Puy, de Estella, en Navarra, con ‘Latin boys’. Pola súa banda no colexio Herri Ametsa Ikastola, de Guipúzcoa, premiouse ‘Pascalen Hesia’; e no centro de Educación Especial Virgen del Castille, de Zamora, foi finalista ‘Cascabel’.

En total a participación ascendeu a 225.201 alumnas e alumnos de 2.964 centros educativos de todo o territorio nacional, que contaron coa colaboración de 9.473 profesores.

Cada un dos premiados veu recompensado o seu traballo cunha cámara de fotos, e cada un dos centros finalistas recibiu un lote con 75 libros. Ademais os deseños de portada premiados serán recompilados nun libro que chegará aos seus autores, profesores e centros de ensinanza. Por outra banda, os traballos de sesenta e dous mil escolares participantes están expostos na dirección web www.laoncesportada.com.