A Consellería de Educación participa no VII foro sobre a Avaliación da Calidade da Educación Superior e da Investigación

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participará nunha mesa redonda na que falará do seguimento de títulos oficiais

Mér, 16/06/2010 - 10:15

O secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Alberto Díez de Castro, participou hoxe no VII foro sobre a Avaliación da Calidade da Educación Superior e da Investigación.

O secretario de xeral de Universidades interveu nunha mesa redonda na que interveu cun relatorio en torno ao seguimento de títulos oficiais. Ao longo da súa intervención recordou que “o proceso de seguimento debe culminar, transcorridos seis anos como máximo, desde a implantación do título, na renovación da acreditación consistente na comprobación de que o plan de estudos se está levando a cabo segundo o seu proxecto inicial, xunto as modificacións aceptadas polo Consello de Universidades e autorizadas pola respectiva comunidade autónoma”.

Díez de Castro sinalou que “o seguimento da implantación real dos títulos verificados, é aínda máis importante que o proceso de autorización dos plans de estudos”, ao que engadiu que “haberá que realizar modificacións e adaptacións nos plans de estudos aprobados para arranxar as deficiencias docentes e metodolóxicas que se vaian detectando. A responsabilidade principal do seguimento recae nas institucións universitarias, a través dos procesos e mecanismos deseñados nos sistemas de garantía interna da calidade”.

As propostas para Galicia

Sobre a situación en Galicia destacou que “no 2010 desenvolvese un proxecto piloto de seguimento de títulos. De xeito voluntario solicitaron participar na convocatoria as tres universidades galegas, con un total de seis graos- dous por cada universidade- e catro máster – dos de Vigo e dous de Coruña-. A tal efecto presentaran o seu primeiro informe anual de seguimento deste títulos antes do quince de outubro”.

Do mesmo xeito recordou que “os propósitos desta continuidade son asegurar as execución efectiva das ensinanzas segundo o implantado, así como a existencia de información. Débese ter información para poder detectar as deficiencias, ao tempo que se aportan recomendacións ou suxestións para a mellora das titulacións”. A todo insto engadiu que “o control sobre todas a as accións permiten dar un mellor servizo aos estudantes universitarios que deste xeito terán unha formación máis completa”.

A mesa redonda de hoxe está englobada dentro das actividades planificadas no desenvolvemento do foro, entre as que se inclúen conferencias, sesións aplicadas e simposios.

O encontro, que se celebra desde onte e ata o venres en Murcia ten como obxectivo coñecer os distintos sistemas da selección e avaliación da calidade das revistas científicas, así como debater sobre a situación do doutorado en España e na Unión Europea. Durante estes días tamén se darán a coñecer os distintos plans que teñen as universidades españolas para potenciar a investigación, a calidade e a Converxencia Europea así como tratar as distintas ferramentas para avaliar a calidade da investigación científica. Ademais a través de todos estes actos darase coñecer a nova organización das ensinanzas universitarias; analizar e debater sobre a selección do profesorado contratado e funcionario.